
Con motivo da celebración do Día Mundial Sen Tabaco, mañá sábado 31 de maio, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmase a Organización Mundial da Saúde (OMS) na súa campaña de sensibilización con iniciativas de concienciación sobre os riscos do consumo de tabaco e nicotina nos centros de saúde e hospitais.
A programación enmárcanse na campaña da Organización Mundial da Saúde (OMS) deste ano, que pon o acento nas estratexias de manipulación que emprega a industria tabaqueira para facer máis atractivos os seus produtos, especialmente entre a mocidade. Entre estas tácticas destacan o uso de sabores, envases de cores, deseños que imitan lambetadas ou debuxos animados, así como a promoción encuberta a través das redes sociais.
A OMS alerta sobre a estratexia para captar novos consumidores a idades temperás, con consecuencias graves para a saúde pública a medio e longo prazo. Hugo Gómez, neumólogo do Hospital Universitario de Ourense, subliña que a idade de comezo en España situase nos 14 anos “a nicotina é altamente aditiva, incluso nos dispositivos electrónicos, que xeran moita dependencia, xa que tamén teñen nicotina”, polo que anima a formar desde a casa, escola e centros sanitarios, na procura de evitar que os rapaces se inicien no tabaco.
Mostra do risco que afronta a mocidade, Gómez destaca que, no último ano, mais da metade dos mozos entre os 14 e os 18 anos probaron os cigarriños electrónicos, e só no último mes ata o 27% desta poboación empregaron un destes dispositivos.

Non só cancro de pulmón
Isaura Parente, como xefa do servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario de Ourense, coñece ben os seus efectos “O tabaco é a principal causa do cancro de pulmón” é subliña “entre o 80 ou 90% dos pacientes de cancro de pulmón son ou foron fumadores” lamentablemente, di “este tipo de tumor é moi frecuente, sendo ademais a principal causa de morte máis por tumores”.
Raquel Dacal, neumóloga do Hospital Universitario de Ourense, anima a deixar de fumar e lanza unha mensaxe sobre o dano integral do tabaco, non só ao aparello respiratorio, senón a todo o organismo, involucrando ao conxunto das especialidades médicas a paliar o seu dano “o tabaco é responsable directo de enfermidades como o cancro de vexiga, de boca, de esófago, de farinxe e de larinxe” e engade “tamén está relacionado con infartos de miocardio; patoloxías dixestivas, como as úlceras gástricas ou o cancro de colon; vasculares como a claudicación intermitente, que causa dor e limita a mobilidade; e afecta a nivel cirúrxico cunha peor cicatrización e maior risco de complicacións”.

Mesas informativas e cartelería
En sintonía coa campaña, hoxe instalaranse mesas informativas nos centros de saúde de A Cuña e A Ponte, en Ourense, e nos de Xinzo de Limia, O Carballiño, Celanova, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Manzaneda. Nestes puntos, os profesionais sanitarios ofrecerán información sobre os efectos nocivos do tabaco, os recursos dispoñibles para deixar de fumar e asesoramento personalizado.
Nos hospitais da área, colocouse cartelería nas zonas de paso habituais de fumadores e nos puntos onde, a pesar da prohibición, aínda se detecta consumo de tabaco. O obxectivo é concienciar sobre os riscos asociados ao tabaquismo e fomentar o cumprimento das normativas vixentes.
A Xunta de Galicia, a través do Plan Inspira Saúde, ten como obxectivo reducir o consumo diario de tabaco por debaixo do 15% na poboación adulta e do 5% entre os adolescentes para o ano 2027. Este plan inclúe medidas como a creación de espazos sen fume, programas educativos en centros escolares e o seguimento telemático de pacientes a través da plataforma Telea. Ademais, o sistema sanitario público financia tratamentos farmacolóxicos para axudar no proceso de deixar de fumar, que poden reducir os síntomas de abstinencia.
Deixar de fumar é un reto que require motivación e apoio. Algúns consellos útiles inclúen: Establecer unha data para deixar de fumar e prepararse para ese día, reducindo progresivamente o consumo; identificar os desencadeantes que levan a fumar e buscar alternativas saudables; comunicar a decisión e pedir apoio a familiares, amigos ou compañeiros e consultar co seu médico de referencia sobre os tratamentos dispoñibles.