En portadaÚltima hora

A provincia ten 5 incendios activos: Requeixo (Chandrexa), Mormentelos (Vilariño), Moialde (Vilardevós), Paredes (Montederramo) e Mourazos (Verín)

Incendio en Requeixo (Chandrexa de Queixa)./ Cedida.

 

Ata cinco incendios forestais están activos na provincia de Ourense, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural. Son os de Moialde, no municipio de Vilardevós, Paredes (Montederramo), Mourazos (Verín), Requeixo (Chandrexa de Queixa) e Mormentelos (Vilariño de Conso).

Activo Moialde-Vilardevós. Activada a Situación 2

Está activo desde as 16.05 horas da tarde de hoxe un incendio forestal no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, no que se vén de decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade aos núcleos de poboación da Silva e San Paio, situados na localidade veciña de Riós. Segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 1 técnico, 4 axentes, 6 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.

Activo Paredes-Montederramo

Está activo desde as 04.50 horas da madrugada de hoxe un incendio forestal no concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 70 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 3 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 4 avións.

 Activo Mourazos-Verín. Desactivada a Situación 2

Continúa activo o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas de hoxe e no que xa se desactivou a Situación 2, medida preventiva que se adoptou pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 15 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 5 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

Activo Requeixo-Chandrexa de Queixa

Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 3.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 46 axentes, 75 brigadas, 36 motobombas, 7 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións.

Activo Mormentelos-Vilariño de Conso

Desde as 17.30 horas de onte domingo está activo un lume no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada e evoluciona favorablemente. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 17 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicóptero e 4 avións.

Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2

Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19. Na tarde de hoxe houbo unha reactivación deste lume e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada onte a Situación 2, que fora declarada na madrugada do domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 22 axentes, 35 brigadas, 30 motobombas, 4 pas, 7 helicópteros e 10 avións.

Controlado Padrenda-Padrenda

Permanece controlado, desde as 01.23 horas do domingo, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que se iniciou o venres ás 22.03 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 10 axentes, 26 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

Back to top button