
Segue empeorando a situación dos incendios na provincia de Ourense, que continúa no seu conxunto en Situación 2. Segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, arestora hai nove grandes incendios activos, entre eles o de Mormentelos (Vilariño de Conso), que estaba estabilizado e volveu reactivarse.
Os datos en cada un deles son os seguintes:
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita)
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Os dous acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 11.000 hectáreas, parte delas tamén no municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 22 técnicos, 99 axentes, 134 brigadas, 78 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 25 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse en total 9 técnicos, 70 axentes, 103 brigadas, 68 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 6.000 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 14 técnicos, 39 axentes, 53 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 8.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 20 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 14 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde onte mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 250 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 7 axentes, 4 brigadas, 7 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde de hoxe reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que permanecía estabilizado desde a mañá do pasado martes. Este lume iniciouse ás 16.05 horas do luns cunha afectación provisional de máis de 40 hectáreas, superficie que está pendente dunha nova estimación. Polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 6 avións.
Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Activo desde as 17.41 horas de hoxe un incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo momento 2 brigadas, 1 motobomba e 1 avión.
Activo Vilariño de Conso-Mormentelos
Na tarde de hoxe reactivouse o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas. Afecta a unha superficie de máis de 180 hectáreas e está pendente dunha nova estimación. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 16 axentes, 22 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 5 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 de onte mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 600 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 15 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 7 avións.