No marco da visita da S.M. a Raíña Dona Sofía a Oulego (Rubiá), neste mércores para ver de primeira man as actuacións de restauración en áreas afectadas polos incendios forestais de 2022 e 2025, elixía para o seu descanso o Pazo do Castro (O Barco) como hospedaxe. Alí recibía esta mañá a visita do subdelegado do Goberno en Ourense, o valdeorrés Eladio Santos, así como de membros da Corporación do Concello do Barco.
En nome do Concello, o alcalde lle fixo entrega de varios agasallo, entre eles un estoxo con dúas botellas de viño godello da Cooperativa Vinos Barco; unha lousa e un “pizarrín” do Clúster da Pizarra de Galicia (que lle fixo especial ilusión por ter usado unha parecida na súa infancia); e un conxunto de bolígrafo e pluma feitos en madeira de teixo polo artista local Christian Pombo, Spoombini.

Ademais dos agasallos, a S.M. a Raíña Dona Sofía recibía unha carta de agradecemento pola súa visita, onde se lle explicaron todos os detalles de cada obxecto que recibiu.
A Raíña Dona Sofía agradeceu o xesto e o recibimento, mencionando a beleza das paisaxes da zona e manifestando a súa preocupación pola devastación dos incendios do ano pasado e o de 2022, e a súa incidencia na fauna e flora do territorio.
Trala recepción no Castro, o alcalde do Barco trasladouse ata Oulego (Rubiá) para asistir á visita da Súa Maxestade á zona.
Fotos: Concello do Barco.

