
Os cativos de Parada de Sil desfrutaban na mañá deste 22 de decembro (de 11 a 13 horas) dun obradoiro de elaboración de galletas incluído no programa de Nadal do Concello dentro do Plan Concilia, que nesta ocasión conta con 15 inscritos, tal e como indica a profesora do centro de Lecer de nenos, Sabela Rodríguez. Ademais de atender aos menores de tres anos, danse dous días á semana clase de reforzo e inglés.
Para facer posible este obradoiro, a recoñecida reposteira rusa afincada en Xardela-Parada de Sil, Elena Shumaeva, ofreceu a súa cociña que se usou como taller onde os nenos elaboraron as galletas con motivos navideños como árbores, estrelas e outros como coches.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quere agradecer este xesto navideño e de solidariedade de Elena, que permite levar a cabo esta iniciativa.
As actividades continuarán mañá pola mañá no salón de plenos do Concello cun obradoiro de elaboración de adornos navideños, e rematarán no mesmo sitio o día 25 coa visita de Papá Noel.
Fotos cedidas.
