
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense presentará este mércores, 19 de agosto, en Budapest, a XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros que se celebrará en setembro no concello de Monterrei e que está declarada Festa de Interese Turística de Galicia.
O acto terá lugar ás 18 horas na céntrica praza Batthyány da capital húngara e contará coa participación dos 36 integrantes da formación provincial, dirixida por Xosé Lois Foxo, así como dunha representación da música tradicional de Hungría. Durante esta presentación, a Real Banda de Gaitas e os músicos húngaros ofrecerán unha breve actuación conxunta na que interpretarán a Suite de música galega e húngara, unha peza preparada especialmente pola agrupación ourensá para esta ocasión como mostra de irmandade entre ambas as dúas culturas musicais.
A participación da Real Banda en Budapest servirá para avanzar os contidos da XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que este ano estará dedicada á música tradicional húngara. Precisamente, a programación do encontro contará cunha destacada representación deste país, encabezada pola zanfonista Hajnalka Fogarassy e polo grupo de gaitas Virtus Dudazenekar.
A iniciativa permitirá reforzar a proxección internacional da Xuntanza e difundir en Hungría unha das citas máis consolidadas do calendario cultural ourensán, que desde hai catro décadas promove o coñecemento, a conservación e o intercambio das diferentes tradicións gaiteiras do mundo. Cabe destacar que despois desta presenza en Hungría, a Real Banda de Gaitas participará no Festival Internacional de Gaitas en Strakonice (República Checa).
A XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros desenvolverase os días 4 e 5 de setembro en Flariz, Verín e Monterrei, cun programa integrado por actuacións musicais, conferencias e actividades divulgativas. O encontro culminará na explanada do Castelo de Monterrei coa participación de intérpretes e formacións procedentes de diferentes países.