Esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba en Ourense a colaboración entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para destinar máis de 14 millóns de euros –12 M€ a Administración autonómica e 2,3 a provincial– á construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores na provincia. En palabras do presidente, “temos unha poboación que demanda este tipo de servizos” e “a aportación da Deputación foi decisiva”.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal dirixidos a persoas maiores, que permitirá crear 650 prazas públicas en toda Galicia, das cales 375, máis da metade, corresponden á provincia ourensá.
Tal e como explicou Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, o plan forma parte dun acordo de colaboración iniciado hai dous anos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de mellorar a atención aos maiores nas áreas máis pequenas e rurais de Galicia. Así, a Xunta puxo a disposición dos concellos un total de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos para a ampliación de centros existentes ou a construción de novas infraestruturas.
A provincia de Ourense, grazas á colaboración activa da Deputación no financiamento dos centros, será a máis beneficiada deste plan, sendo seleccionadas 16 propostas de concellos menores de 20.000 habitantes –Avión, A Bola, Carballeda de Avia, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Os Blancos, A Peroxa, Piñor, Ramirás, Trasmiras, Teixeira, Verea, Vilamarín e Xunqueira De Ambía–.
“Dende o ano 2009, a Xunta triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles. Este novo plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato”, indican dende a Xunta.
Neste sentido, Rueda resaltou que “estámolo cumprindo” e que é un motivo de alegría que “unha parte importante dese cumprimento sexa en colaboración coa Deputación e cos concellos de Ourense”. O traballo conxunto nesta liña ten o obxectivo de garantir que a xente en Galicia “teña unha boa calidade de vida” independentemente do seu lugar de residencia.
Neste acto, o presidente galego estaba acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; así como polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e de numerosos representantes dos concellos beneficiados polo plan. O presidente provincial reivindicaba o papel da Deputación de Ourense no ámbito da colaboración institucional, tanto coa Xunta de Galicia como cos concellos, para o desenvolvemento de proxectos que permitan ofrecer á cidadanía máis e mellores servizos.
No Plan de investimentos para equipamentos sociais na provincia de Ourense a Deputación achega 2,3 millóns de euros, sendo a única institución provincial que financia este plan, que tamén se estenderá ao resto de Galicia, e a provincia que máis investimento recibe.
Unha actuación, enfatizou Menor, que demostra que a Xunta de Galicia non esquece á provincia de Ourense. Neste sentido fixo unha defensa dos compromisos adoptados, en vías de desenvolvemento ou xa desenvolvidos, lembrando proxectos como o novo hospital materno-infantil, a colaboración cos regantes da Limia, o convenio con Medio Rural para a prevención e defensa contra os lumes, ou os acordos en materia de infraestruturas deportivas. Todo un conxunto de accións “que me permiten dicir que se está cumprindo con Ourense”.

Sobre os proxectos asistenciais presentados hoxe, o presidente da Deputación sinalou que a Deputación, apoiando á Xunta de Galicia, implícase na mellora constante dos servizos asistenciais e a creación de máis prazas para a atención dos maiores, “o que suporá ao mesmo tempo aproveitar a oportunidade que nos brinda para a creación de novos postos de traballo, pechando así un círculo máxico: servizos á cidadanía e emprego de proximidade, que tamén fixa poboación nas zonas rurais”.
16 actuacións con 375 prazas.
Fotos: O SIL.