DeportesÚltima hora

A Revolta Irmandiña supera expectativas e consolídase como evento de referencia na comarca de Verín

Esta carreira de obstáculos contaba con 350 participantes e percorreu espazos emblemáticos como o Castelo de Monterrei ou o río Támega

Cedida.

A comarca de Monterrei viviu este 22 de xuño unha xornada inesquecible coa celebración da primeira edición da Revolta Irmandiña, unha carreira de obstáculos única en Galicia que superou as expectativas de participación e impacto: 350 corredores e corredoras, acompañados por centos de persoas asistentes, protagonizaron unha xornada de historia, natureza, cultura e festa na vila de Verín.

A Revolta Irmandiña non só foi un éxito deportivo e social, senón tamén un motor de dinamización económica local. Máis do 80 % do retorno económico directo xerado pola carreira quedou en mans de proveedores da comarca, apostando por servizos, produtos e profesionais de proximidade. Ademais, preto do 40 % das persoas participantes viñeron doutros puntos da xeografía galega, especialmente das provincias de Ourense e Pontevedra, o que demostra a capacidade de atracción dun evento que vai máis alá do ámbito local. A isto súmase que arredor dun 10% dos atletas decidiron pasar a fin de semana na comarca, contribuíndo así á actividade hostaleira e ao descubrimento do noso patrimonio natural e cultural.

A Revolta Irmandiña propuxo dous percorridos (de 5 e 8 km) cheos de obstáculos e probas físicas, ambientados na Revolta do século XV e deseñados para poñer en valor espazos emblemáticos como o Castelo de Monterrei, o río Támega ou os viñedos da Denominación de Orixe Monterrei. A dureza do trazado non impediu que os participantes valorasen a experiencia cunha nota media de sobresaliente – 4,6 sobre 5 – segundo a enquisa lanzada tras a proba.

Ademais, a implicación directa de 35 persoas no equipo de organización garantiu o bo desenvolvemento dunha carreira que aspira a consolidarse como unha cita anual no calendario deportivo e cultural galego.

O evento tamén contou co respaldo de 20 empresas colaboradoras; Doña Bica, GADISA, Mapfre, Lambiscadas, Crossbox, D.O Monterrei, Regalos Chabela, Gandainas, AutoSotelo, O carro do Entroido, Sonlleira, O Enredo, Protección Civil, Talleres Estevez, Kynova, Sousas, Diario do Támega, Hortoverin e 6 entidades públicas e sociais: Deputación de Ourense, Concello de Monterrei, Concello de Verín, Xunta de Galicia, Elogo e VIPECA que contribuíron tanto a nivel económico como loxístico, mostrando unha implicación transversal do tecido local.

 

Cedida.

 

Un evento con alma familiar e colectiva

A Revolta Irmandiña naceu como moito máis ca unha proba deportiva: a súa verdadeira vocación foi crear unha experiencia compartida, aberta a todos os públicos e xeracións. Con ese obxectivo, desenvolveuse unha programación paralela que contou cunha excelente acollida e que completou a xornada deportiva con propostas culturais e sociais para todos os gustos. Así, o espazo Irmandades Miúdas ofreceu xogos e probas adaptadas para nenos e nenas, fomentando a participación familiar; mentres que o mercado popular, con oito postos de artesanía, produtos ecolóxicos e creacións locais, vestiu a contorna e permitiu un espazo de lecer para os acompañantes. Ademais, máis de 200 persoas compartiron un xantar popular que se converteu nun momento de encontro e celebración colectiva.

A música tamén estivo moi presente coa actuación do grupo Candaira, que puxo banda sonora á Revolta. Unha actuación que contou cun convidado de honra, o gaiteiro Faustino Luis Seoane, de 101 anos, que se converteu no Irmandiño Maior da xornada.

Durante a xornada tamén houbo tempo para a precisión e a puntería grazas á exhibición de tiro con arco organizada polo Centro de Tiro Olímpico Eiroás. Preto de 100 persoas achegáronse a desfrutar desta actividade que permitiu descubrir de preto unha modalidade olímpica da man de profesionais da disciplina.

O Pincho Irmandiño foi outra das propostas estrela desta primeira edición, unindo gastronomía e identidade local nunha ruta que contou coa participación de dez establecementos hostaleiros de Verín. Ao longo de tres días, o público respondeu de forma masiva a esta iniciativa, emitindo máis de 3.000 votos para escoller o seu petisco favorito. Estes datos reflicten non só o éxito da proposta, senón tamén a gran afluencia de público nos locais participantes, convertendo a ruta nun verdadeiro escaparate do talento culinario da vila e nun alicerce máis da Revolta como experiencia global.

Un proxecto con futuro

A boa acollida e o éxito de participación deixan claro que a Revolta Irmandiña chegou para quedar. A organización xa traballa nunha nova edición, coa vontade de seguir medrando e dando a coñecer os recunchos da contorna non só aos visitantes, senon tamén á propia veciñanza.

“Hai xente que, sendo da comarca, non coñecía os camiños do percorrido. E encantáronlles. O máis importante que conseguimos non foi só facer unha carreira, senón despertar o orgullo polo noso”, sinala Jose Prado, membro da organización.

Nas vindeiras semanas comezaranse a coñecer detalles a través dos perfís oficiais nas redes sociais de Instagram e Facebook.

Back to top button