ConcellosQuirogaÚltima hora

A Romería da Ermida (Quiroga) vén de ser declarada Ben de Interese Cultural

O expediente, aprobado esta mañá no Consello da Xunta, recoñece o “valor cultural sobranceiro” desta celebración singular que xira ao redor da representación escenográfica coas figuras dun ‘Meco’, dous xigantes coñecidos como ‘Pampórnigas’ e as ‘amortalladas’

 

Na reunión do Consello da Xunta celebrada este 7 de setembro vén de declararse Ben de Interese Cultural, na categoría de patrimonio inmaterial, a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios da Ermida, que se celebra os días 8 e 9 de setembro desde hai séculos no municipio lucense de Quiroga. Na xuntanza dábase o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia. O Consello dá o visto e prace a este recoñecemento, que eleva a 798 os BIC existentes na comunidade.

O expediente recoñece o “valor cultural sobranceiro” desta celebración singular que xira ao redor da representación escenográfica coas figuras dun ‘Meco’, dous xigantes coñecidos como ‘Pampórnigas’ e as ‘amortalladas’. A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.

Deste xeito, o expediente recoñece o valor cultural sobranceiro desta tradición “transmitida de xeración en xeración” e o seu carácter singular en relación co resto das romarías de Galicia, xa que xira ao redor da representación escenográfica sobre a loita entre a fe e o mal, representado polo Meco, que leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos.

Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento propio da celebración, que seguen a figura da Virxe. Ao son da gaita bailan tanto o Meco como as coñecidas como Pampórnigas, que son dúas figuras xigantes que simbolizan un home e unha muller. Neste senso, un momento considerado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como “determinante” desta “singular representación escenográfica” é cando a Virxe entra na igrexa e o Meco se prostra perante ela e o pobo, metáfora do espazo relixioso como refuxio.

Ademais, no expediente tamén se lle recoñece o feito que se celebre desde hai séculos “sen a penas mudar co paso do tempo mantendo a súa autenticidade”. De feito, saliéntase que, malia as prohibicións da aparición de xigantes e cabezudos ditaminadas por autoridades eclesiásticas e civís no século XVIII, persistiu a celebración coas figuras do Meco e das Pampórnigas, “como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, na que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega”.

Participación da veciñanza de sete concellos

Por todos estes motivos, desde o departamento de Cultura da Xunta valórase que a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios da Ermida é o “reflexo da apropiación identitaria” feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida. Ademais, inclúense todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión desta tradición como “pertencentes á comunidade portadora desta manifestación inmaterial”.

Neste senso, cómpre lembrar que as persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden o ámbito parroquial e mesmo municipal de Quiroga, xa que se reúnen e participan neste ritual veciños dos concellos da contorna, como son Bóveda, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.

Esta declaración eleva a 798 o número de bens de interese cultural existentes en Galicia. Así, permite culminar un proceso iniciado en outubro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se resolve agora antes de que se cumpra o prazo máximo de 24 meses establecido na Lei de patrimonio cultural.

Back to top button