Era o prato forte da noite e non defraudou. O público rués bailaba e cantaba con Carlos Ares, na II edición de ‘O Son da Estación’, o festival incluído nos Concertos do Xacobeo que se celebraba na tarde noite do sábado 18 de outubro.

Trala actuación dos locais Green Angels que quentaba o ambiente, e o aplaudido espectáculo de Mondra, o premiado artista, cantareiro e bailador que presentou os temas do seu segundo e recente traballo discográfico De ronda, ademais doutros dos seus hits máis celebrados, arredor das 22:30 horas subíase ao escenario, na estación de autobuses da Rúa, o artista coruñés, un dos referentes a nivel nacional da música pop actual que ano pasado estivo no SilFest Valdeorras e que na Rúa tamén fixo as delicias do público.
A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. Na Rúa, o músico presentou o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade.

A guinda á noite poñíaa Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. E entre banda e banda, Señora DJ.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.