En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A Rúa rende culto á Virxe de Fátima coa procesión das antorchas, novena e misa en Fontei

 

Maio é o mes da Virxe na parroquia ruesa de Fontei que comezaba a novena de Fátima o luns día 4, estendéndose ata o martes día 12. Con todo a procesión das antorchas é sempre un dos cultos máis destacados do programa na honra á Virxe María na advocación de Nosa Señora de Fátima.

 

 

Unha procecsión que arrincaba puntualmente ás 22:30 horas do venres 8 de maio, con numerosos fieis (con paraugas na man por se acababa chovendo) acompañando á imaxe da Virxe iluminada e rodeada de fermosas calas brancas, polas rúas do centro da vila ata rematar de novo no templo, portando candeas e cirios, con cánticos e oracións guiadas polos párrocos cos altofalantes en man.

De regreso na igrexa tiña lugar o rosario, novena e misa presidida polo sacerdote Antonio Ferrer Soto que falou da importancia “dos pequenos detalles, de mirar o pequeno co que se chega a cousas moi grandes”. Acompañándoo, tanto na procesión coma na misa estaban o párroco de Fontei, Daniel Pérez e o ex párroco de Santo Estevo, Severino Pérez.

 

 

Mañá, domingo 10 de maio ás 12 horas será a misa de Primeiras Comuñons; e o día grande da festa será o martes 13 de maio, con misa de comuñón xeral ás 9 horas, misa dos enfermos ás 10:30 horas; e misa maior, ás 13 horas, precedida pola ofrenda floral dos nenos e mozos do Colexio Pablo VI-Fátima. Pola tarde, a misa vespertina está prevista para as 18 horas e só unha hora máis tarde, en torno ás 19 horas, comezará a outra procesión da festa, sen dúbida un dos actos máis emotivos da celebración relixiosa.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button