149 anos hai que comezaba a celebrarse a Semana Santa na parroquia de Santo Estevo, na Rúa Vella tal e como a coñecemos hoxendía, dos cales os últimos 59 estiveron presididos polo sacerdote, Severino Pérez xa xubilado que segue predicando en moitos dos cultos desta celebración. Así o demostraba na mañá deste Venres Santo (3 de abril), coma sempre dende un balcón na praza César Conti, dende onde dirixía algunhas das Estacións do Viacrucis e a procesión do Encontro, un dos actos máis destacados da Semana Santa nesta parroquia ruesa.
San Xoán a ombros de oito costaleiros con túnicas vermellas, os máis xoves; a Dolorosa a ombros das mulleres de loito; e Xesús Nazareno coa cruz ás costas camiño do Calvario a ombros dos costaleiros con túnicas moradas. Son os tres pasos que protagonizaron o acto co que a parroquia de Santo Estevo abría o Venres Santo.
Despois de percorrer boa parte da Rúa Vella, as tres imaxes xuntábanse na praza César Conti, protagonizando un dos momentos máis emotivos da Semana Santa nesta parroquia ruesa: o encontro da Virxe co seu fillo, en presenza de San Xoán, antes de ser crucificado. Coma sempre, o acto estivo acompañado polas voces do coro e despois, a procesión cos tres pasos retomaba o camiño rumbo á igrexa.


Os actos en Santo Estevo continúan esta tarde ás 19 horas co Sermón das 7 Palabras, Desencravo e Procesión do Santo Enterro.



Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.