A Rúa Vella está a celebrar por todo o alto as súas festas na hora de San Roque, sendo o sábado un dos días máis activos. Pola tarde tiña lugar o torneo de tute por parellas e unha animada e colorida Volta Ecolóxica con máis de 120 participantes que ataviados con divertidos atuendos percorrían boa parte da vila, dende a praza César Conti ata o campo de San Roque, onde tiña lugar a entrega de premios e tamén o baile.
A sesión de tarde-noite corría a cargo da banda barquense El Patio de Leni, membro da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras, que facía un repaso polos mellores temas do pop español dos últimos tempos, convidando ao público a cantar e sobre todo bailar. A sesión de verbena era xa para Tentempié, grupo máis cañeiro que conta cun repertorio que tira máis cara o rock, en español e tamén en inglés.
Hoxe é o día da misa maior das festas na igrexa de Santo Estevo (13 horas), seguida da procesión que levará a San Roque de novo á súa capela onde permanecerá ata o vindeiro ano. O baile correrá hoxe a cargo da orquestra Finisterre, sendo a discomóbil A Pimentoneta quen poña unha madrugada máis o broche.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.