Con menos comparsas que noutras ocasións pero máis numerosas. Con moitos participantes e traxes moi elaborados desfilaban na tarde deste 17 de febreiro pola estrada central da vila, nun soleado e ata cálido Martes de Entroido.
Coordinados polo Concello, coa colaboración de Protección Civil e a Policía Local, abría a comitiva o Fulión de Petín que marcaba co seu toque o ritmo do percorrido que completaban as nove comparsas participantes nesta ocasión, entre as que non faltaban os Fargalleiros da Rúa Vella, a de San Clodio, a de Petín ou a das Majorette que chamaban a atención co seu baile.
Pechando, a charanga TDB poñía o broche ao desfile que remataba coma sempre na rúa Doutor Vila.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.
17 de Febreiro de 2026