Pechando o mes de agosto e tamén o “circuíto” de rutas que se espallan por toda a comarca, a Ruta de Bodegas de Petín celebraba na tarde e noite do sábado 29 de agosto a X edición con centos de persoas que coma sempre concentrábanse na rúa Santiago, para logo despregarse por diferentes puntos da localidade.

Os centos de participantes (vendíanse 850 entradas) iniciaban cunca en man un percorrido polas adegas que abrían as portas para desfrutar dos seus viños e tamén de petiscos entre os que non faltaba a tradicional panceta asada acompañada de pan; e tamén do seu interior xa que algunhas destas adegas son auténticos museos con singulares obxectos, algúns relacionados co mundo do viño e outros non. Ademais, por 12 euros vendían unhas orixinais camisetas promocionando Petín.

Nesta cita, promovida pola Asociación Fonte Grande en colaboración co Concello de Petín, tampouco faltou a música, ao longo do percorrido e tamén ao rematar, na praza.





Fotos cedidas.