
O V NOVE vén de completar o seu mapa. A primeira edición do itinerario cultural por Valdeorras pechábase neste 25 de outubro en Rubiá coa ruta do mel, unha xornada dedicada á paisaxe e ao patrimonio apícola do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra na que participaron arredor de 30 persoas. Á clausura asistía o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entidade que patrocina o ciclo, que acompañou ao grupo ao longo do percorrido.

A ruta saía en autobús desde O Barco de Valdeorras e comezou no Centro de Visitantes do Parque Natural, en Biobra, cunha explicación sobre a serra: un dos espazos naturais máis singulares de Galicia, coas súas aciñeiras, os seus soutos e unha biodiversidade excepcional. Desde alí, o grupo trasladouse a Oulego para coñecer de preto unha alvariza, as construcións tradicionais de pedra que durante séculos protexeron as colmeas.
A xornada rematou en O Porto, nas instalacións de O Marquesado, apicultores desde 1896, onde os asistentes viron como se extrae o mel, puideron probar eles mesmos o desoperculado dos cadros e participaron nunha cata dos seus meles. Deste xeito concluía a actividade.

Nove concellos, nove estacións
Coa ruta do mel remata un percorrido de dous meses e medio que levou a cultura a lugares que nunca antes foran escenario. O V NOVE arrincou o 13 de agosto co concerto de Susana Seivane, ante máis de 250 persoas, no alto do Castrillón de Larouco, e desde aí pasou polas prazas da Rúa, a Praia dos Franceses na Veiga, a Ponte da Cigarrosa en Petín, o Castelo de O Bolo, unha canteira de lousa en Casaio —onde 400 persoas encheron Comedia no cumio—, O Bañadoiro de Vilamartín, á beira do Camiño de Inverno, e a Adega Roandi de Éntoma, onde De Vacas esgotaron as entradas.
Nove concellos, nove estacións e unha mesma idea: calquera espazo da comarca pode ser un escenario, e a cultura pode ser tamén unha maneira de poñer en valor o patrimonio, a paisaxe e a industria que fan de Valdeorras o que é.
O V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son. A ruta do mel contou ademais coa colaboración de O Marquesado. Toda a información do ciclo, co mapa interactivo da comarca, en vnove.es.
Fotos: O SIL.