En portadaÚltima hora

A ruta do mel pola Serra da Enciña da Lastra o 25 de outubro, última cita do V NOVE

De Vacas, ao solpor, entre as viñas da Adega Roandi, en Éntoma./ Foto cedida.

 

O concerto de De Vacas na Adega Roandi, en Éntoma, penúltima estación do V NOVE, esgotou todas as entradas, e o público encheu o patio da adega para unha tarde que combinou viño, paisaxe e música no corazón da Denominación de Orixe Valdeorras.

A xornada comezou cunha visita guiada ás instalacións da adega e continuou co concerto, xa co sol caendo sobre as viñas e os montes de Valdeorras. De Vacas presentaron Rebovina Divas Live, a súa homenaxe ás grandes divas do pop, cun espectáculo de voces, humor e retranca que tivo ao público entregado de principio a fin.

O concerto contou coa colaboración da Adega Roandi e do Concello de O Barco de Valdeorras. Con esta cita, o V NOVE suma xa oito das súas nove estacións, despois de levar a cultura a un castro, a unha praia fluvial, a unha ponte de orixe romana, a un castelo, a unha canteira de lousa, á beira do Camiño de Inverno e, agora, a unha adega.

 

Alvariza de Oulego (Rubiá)./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A ruta do mel

O itinerario péchase en Rubiá, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un dos espazos naturais máis singulares de Galicia, cunha ruta dedicada á paisaxe e ao patrimonio apícola da serra da man de O Marquesado.

O percorrido inclúe a visita ao Centro de Visitantes de Biobra, a presentación dunha alvariza tradicional —os recintos de pedra que historicamente protexían as colmeas— en Oulego e a visita ás instalacións de O Marquesado, con cata de mel. A inscrición, de 10 €, inclúe o autobús de ida e volta desde O Barco de Valdeorras e toda a visita.

Programa

  • 10:30h. Saída desde O Barco de Valdeorras
  • 11h. Centro de Visitantes de Biobra
  • 12h. Alvariza de Oulego e visita ás instalacións de O Marquesado, con cata de mel
  • 14h. Regreso ao Barco de Valdeorras

Toda a programación, co mapa interactivo da comarca, en vnove.es. O V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son. A ruta do mel conta ademais coa colaboración de O Marquesado.

Back to top button