
A Ruta do Viño Ribeira Sacra concluíu a súa primeira participación na feira internacional FINE WineTourism Marketplace, celebrada os días 3 e 4 de marzo na Feira de Valladolid. Esta participación foi posible grazas á axuda da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
A expedición regresa cunha sensación moi positiva tras constatar a altísima demanda do destino nos mercados internacionais máis exclusivos. Durante o evento, a entidade despregou unha intensa actividade comercial dende o seu espazo expositivo (Customized Workspace), mantendo máis de 20 reunións de traballo pechadas con turoperadores e axencias de viaxes internacionais.
Os encontros estiveron dirixidos principalmente á apertura e consolidación de mercados estratéxicos como Estados Unidos, Brasil, Canadá, Australia e India. Para a Ruta do Viño Ribeira Sacra, a internacionalización é un obxectivo fundamental. “Captar a este viaxeiro internacional supón atraer a un segmento de alto poder adquisitivo que, ademais, viaxa durante todo o ano, o que resulta clave para a desestacionalización do turismo no territorio”, aseguran.
O interese por este rincón único de Galicia, máximo expoñente da chamada “viticultura heroica”, superou as expectativas iniciais da delegación. Á intensa axenda de reunións (B2B FINE Meeting), sumouse a participación de Antonio Lombardía Crespo, Presidente da Ruta do Viño Ribeira Sacra, quen interveu o
martes 3 de marzo na mesa redonda oficial do evento titulada “Rutas de Éxito” (Successful Routes).
Un renacer enfocado na identidade e o territorio
Valorando os resultados obtidos en Valladolid, Antonio Lombardía Crespo destacou a importancia deste tipo de misións comerciais para o futuro da comarca. “É fundamental a apertura de novos mercados, sobre todo mercados internacionais nos cales estes novos destinos, auténticos e singulares, están sendo moi demandados. Traemos unha sensación moi positiva do traballo realizado nesta feira. Accións como esta son vitais dentro da nova visión e este novo renacer da Ruta do Viño, cuxo obxectivo principal é converter as nosas adegas en verdadeiros espazos de comunicación para transmitir o noso territorio e a nosa identidade”.