EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A Ruta do Viño de Valdeorras anima a participar nas súas catas de outono e nun Escape Room

 

A Ruta do Viño de Valdeorras continúa coa súa programación de novembro cunha proposta que combina viño, gastronomía e diversión. Tras a celebración das actividades previstas nas Minas de Valborraz e na Rúa Vella, a programación céntrase agora nas Catas de Outono e no Escape Room de Bodegas Roandi, dúas iniciativas que ofrecen novas maneiras de achegarse aos viños e á cultura vitivinícola da comarca.

As Catas de Outono terán lugar os días 12 e 26 de novembro, ás 20:00 horas, no establecemento Esconditte Inglés, na Rúa. Estas experiencias enogastronómicas permitirán descubrir tres viños maridados con tres elaboracións especiais a base de produtos propios do outono.

As sesións estarán conducidas pola enóloga Cecilia Fernández, que acompañará as persoas asistentes nesta viaxe polos aromas, sabores e matices dos viños de Valdeorras, explicando tamén as claves dos seus maridaxes. Trátase dunha oportunidade para aprender, probar e gozar dos produtos da comarca nun ambiente próximo e distendido.

A Ruta do Viño anima a participar nestas propostas e a reservar praza para compartir unha experiencia arredor do viño e da gastronomía local. A cata deste xoves, 12 de novembro, conta xa con poucas prazas dispoñibles, polo que se recomenda realizar a inscrición canto antes. O prezo é de 15 euros por persoa e cata.

 

 

Unha aventura entre viños no Escape Room de Bodegas Roandi

A programación continuará o sábado 14 de novembro cunha actividade pensada para gozar dunha maneira diferente do mundo do viño: o Escape Room Bodegas Roandi. Baixo o lema «Descubre o segredo de Roandi», as persoas participantes terán que percorrer a adega, coñecer a súa historia, interpretar pistas relacionadas co mundo do viño e superar diferentes probas ata resolver o misterio final.

A experiencia combina entretemento e aprendizaxe nunha contorna vitivinícola singular. A cata de viños forma parte da actividade e contribúe a coñecer mellor as elaboracións da adega e os viños de Valdeorras. O Escape Room é unha proposta ideal para gozar en familia, en parella ou con amigos.

A actividade desenvolverase entre as 11:30 e as 14:00 horas e está dirixida a persoas adultas e nenos e nenas maiores de cinco anos. Inclúe unha cata de viños e ten un prezo de 10 euros para adultos e 6 euros para nenos.

Estas iniciativa conta co apoio de Turismo de Galicia, cuxa colaboración permite seguir promovendo experiencias que contribúen a dinamizar o territorio e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e enogastronómicos.

As inscricións e a información sobre as actividades poden consultarse a través da web da Ruta do Viño de Valdeorras: https://rutadelvinovaldeorras.com/nuestras-experiencias/

 

Back to top button