A Ruta do Viño de Valdeorras estrea imaxe. “Con esta renovación buscamos actualizar a nosa identidade e reforzar a maneira na que amosamos o noso traballo, o noso patrimonio e o noso territorio. Esta actuación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino da Asociación GDR de Valdeorras. Grazas a este plan desenvolvemos unha nova imaxe de marca”, dicía Montserrat Rodríguez, da directiva desta asociación esta mañá nun acto no que se presentaba esta nova imaxe, no que estaba acompañada pola presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, na Casa Grande de Viloira (O Barco).
No novo logotipo da ruta incorpórase como elemento a cova e tamén se presenta unha nova páxina web rutadelvinovaldeorras.com. “En breve levarase a cabo un plan de formación, unha acción fundamental para seguir avanzando na profesionalización da oferta turística”, engadía Rodríguez. Con esta nova imaxe búscase “construír unha ruta do viño recoñecible, coherente e capaz de transmitir quen somos fortalecendo o posicionamento de Valdeorras como destino enoturístico de referencia”, concluía a directiva.

Deseguido interviña a presidenta do GDR Valdeorras, quen lembraba que esta comarca “é viño e lousa, e maridan moi ben esas tapiñas nunha bandexa desta pedra, acompañadas dun godello ou dun mencía”. Tamén asegura que “Valdeorras é unha comarca dinámica, que aporta, pois esta comarca ten que reflexar o que é no exterior e iso tennos que facer traballar a todos para dicirlle ao resto de Galicia e tamén a outras zonas como Castela e León, que estamos aquí para recibilos e para facerlle a vida máis agradable coa nosa oferta turística, gastronomía e os nosos viños, sustentados por un sector importantísimo a nivel industrial como é a lousa”.
Despois tiña lugar a exposición dos elementos clave da nova identidade (logo, cores e lemas) e, a continuación, a presentación do BlogTrip “Redescubrindo a Ruta do Viño de Valdeorras”. O acto tamén contaba coa presenza de alcaldes de concellos da comarca.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
