
O Castelo do Bolo converterase o vindeiro 31 de outubro nun espazo para a memoria, a tradición e a imaxinación coa celebración de «Tarecos e Castañas do Alén», unha experiencia escénica para vivir o Samaín desde a cultura e a tradición oral galega.
A actividade, promovida dende a Ruta do Viño de Valdeorras, terá lugar entre as 20:00 e as 22:00 horas, aproximadamente, e estará conducida por Alba de Vales, actriz, titiriteira e narradora oral de Ourense, cuxo traballo se vincula coa tradición oral galega, os títeres e os obxectos, o teatro físico e as formas de creación comunitaria e participación nas artes escénicas.
«Tarecos e Castañas do Alén» propón unha viaxe polo imaxinario popular galego na que a narración oral, os monicreques, os obxectos e a música se mesturan para dar vida a historias da tradición galega.
A actividade desenvolverase nun formato íntimo e con aforo reducido, buscando favorecer a proximidade entre o público, a artista, as historias e os obxectos que forman parte da proposta escénica.
A experiencia continuará despois da narración arredor da mesa, cunha degustación de tres viños acompañada de dous petiscos, nun ambiente pensado para conversar, compartir e gozar da noite do Samaín nun espazo tan singular como o Castelo do Bolo.
“O prezo da actividade é de 18 euros por persoa, unha tarifa subvencionada que facilita o acceso a esta experiencia cultural e gastronómica”, segundo os promotres. A iniciativa organízase co apoio de Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello do Bolo.