EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño do Ribeiro pecha a 15ª Primavera de Portas Abertas con 2.400 persoas e 91 establecementos

O director de Turismo de Galicia recibiu a un grupo de visitantes e salienta o pulo desta iniciativa ao enoturismo e á posta en valor do patrimonio vitivinícola

 

A Ruta do Viño do Ribeiro vén de poñer o broche final á 15ª edición da Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, unha iniciativa organizada por Turismo de Galicia en colaboración coas cinco rutas do viño das denominacións de orixe galegas e que, unha vez máis, acadou un importante éxito de participación. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou a adega Ramón do Casar, en Castrelo de Miño, onde salientou que máis de 2.400 persoas participaron este ano nas distintas actividades programadas nos 91 establecementos adheridos á iniciativa, entre adegas, restaurantes e aloxamentos. Delas, máis de 700 fixérono a través dos 32 buses do viño habilitados para facilitar os desprazamentos desde diferentes puntos da comunidade.

Xosé Merelles destacou que “a Primavera de Portas Abertas é xa unha cita consolidada dentro da oferta turística galega e un exemplo do potencial que ten o enoturismo para atraer visitantes, dinamizar o territorio e poñer en valor o noso patrimonio vitivinícola”.

“Os excelentes resultados desta edición confirman o interese crecente por este tipo de experiencias, que combinan viño, gastronomía, paisaxe e cultura, e que contribúen a reforzar a posición de Galicia como destino de referencia no ámbito do enoturismo”, sinalou.

Turismo de Galicia investiu este ano un total de 225.000 euros nesta iniciativa, que chegou á súa décimo quinta edición cun calendario de preto dun cento de actividades distribuídas ao longo dos meses de maio e xuño. En total organizáronse 61 propostas, entre visitas guiadas a viñedos e adegas, rutas de sendeirismo e en barco, catas comentadas, maridaxes e obradoiros temáticos.

 

 

Peche da edición de 2026

A celebración da Ruta do Viño do Ribeiro clausurou esta edición cun programa integrado por 15 actividades promovidas pola propia ruta, polo Museo do Viño de Galicia, adegas da zona e empresas colaboradoras. Entre as propostas desenvolvidas figuraron catas e aperitivos con vermú artesanal, pícnics entre viñedos, obradoiros de decoración de copas, un rally fotográfico para captar a paisaxe da ribeira do Miño e experiencias termais.

Ao longo destes quince anos de traxectoria, a Primavera de Portas Abertas reuniu arredor de 28.200 participantes en máis de 700 actividades organizadas nas distintas rutas do viño galegas.

 

 

Back to top button