
A Ruta do Viño de Valdeorras organizará o vindeiro 20 de xuño a actividade “Ruta Poñente”, a terceira e última das Rutas Cicloturísticas Valdeorras programadas para este ano. “Unha proposta que permitirá descubrir algúns das paisaxes e recursos patrimoniais máis singulares da comarca a través dunha experiencia sostible, saudable e accesible para todos os públicos”, segundo a entidade.
A actividade partirá desde O Aguillón e percorrerá aproximadamente 21 quilómetros en bicicleta eléctrica polos municipios da Rúa, Petín e Larouco. “Trátase dunha ruta deseñada para que poida ser desfrutada por persoas de diferentes idades e niveis de experiencia, grazas ao apoio das bicicletas eléctricas e a un percorrido cómodo e alcanzable. O itinerario discorrerá por algúns dos lugares máis representativos do territorio, combinando natureza, cultura e tradición vitivinícola”.
Ao longo do percorrido, poderase contemplar a Ponte da Cigarrosa, un dos principais patrimoniais de Valdeorras, atravesar zonas de viñedo que definen a paisaxe da comarca e descubrir os antigos lagares de Larouco, elementos que testemuñan a histórica vinculación deste territorio coa cultura do viño.
A xornada incluirá tamén un xantar no restaurante A Pepa, onde os asistentes poderán desfrutar dunha proposta gastronómica especialmente deseñada para a ocasión. O menú estará acompañado por viños da Denominación de Orixe Valdeorras, reforzando o carácter enogastronómico da experiencia.
Como broche final, os participantes visitarán a adega Quinta da Peza, onde terán a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo desenvolvido tanto no viñedo como na elaboración dos viños. A visita permitirá profundar na identidade vitivinícola de Valdeorras e achegarse a unha dos acenos de identidade máis importantes da comarca.
“As Rutas Cicloturísticas Valdeorras están concibidas para promover un turismo activo e sostible, poñendo en valor o patrimonio natural, cultural, paisaxístico e enolóxico do territorio. A inscrición inclúe bicicleta eléctrica, xantar e visita a adega”, indican dende a organización.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Ruta do Viño de Valdeorras a través dun formulario dispoñible na pestana de experiencias. Con esta actividade, a entidade pecha unha nova edición dunha iniciativa que busca achegar o territorio a residentes e visitantes mediante experiencias auténticas vinculadas ao viño e á paisaxe.

