
A menos de cinco días para a etapa 17 da Volta a España que sairá do Barco de Valdeorras rumbo ao Alto do Morredero, en Ponferrada (León) é moita a expectación xerada.
O pelotón sairá pasadas as 13:30 horas do mércores 10 de setembro dende a avenida Conde Fenosa (na contorna do HPV) percorrendo toda a travesía ata saír á N-120, o que provocará limitacións nas zonas de aparcamento e tráfico esa mañá e tamén o día anterior. “Ese día, a travesía deberá estar toda sen vehículos incluído hospital e tamén o aparcadoiro do Malecón e o grande de Conde Fenosa. Ademais o día 9 chegará a caravana o que supón ter libre moitas zonas do Barco”, explican dende a Policía local, asegurando que irán sinalizando e informando aos veciños para que teñan en conta as zonas afectadas.
“O día 10 pola mañá dende o Hospital ata a Proba estará libre de coches e practicamente cortado ao tráfico, pero verase afectada xa toda a travesía desde o cruce de Catro Camiños”, din, destacando que “na zona norte da travesía non haberá problema, Eulogio Fernández e rúas transversais non haberá problema”. O acceso ao Malecón “será complicado e haberá momentos en que non se poderá, con axentes para deixar par dejar cruzar e saír cando se poida na zona do Casino porque a zona de Abdón Blanco e rúa Coruña estará máis difícil”, di o inspector xefe da Policía Local do Barco.