
A Sala José Ángel Valente, en Ourense, acolle ata o día 31 de xaneiro a exposición “A enfermidade renal crónica (ERC): un problema de Saúde Pública”, unha iniciativa que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre o impacto desta patoloxía, en preocupante crecemento nas últimas décadas.
A mostra, que se inaugurará hoxe ás 20 horas, ofrece un percorrido divulgativo pola evolución da ciencia e dos tratamentos para a enfermidade renal crónica. Reúne unha vintena de máquinas e aparellos médicos que explican e amosan o avance da diálise desde comezos do século XX ata a actualidade. Esta exposición constitúe unha oportunidade única para coñecer máis sobre a enfermidade renal crónica e pon de manifesto a necesidade de impulsar un Plan Nacional de Saúde Renal.
A exposición está organizada polo nefrólogo ourensán Alfonso S. Otero González, coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial, a Real Academia Nacional de Medicina de España, as sociedades española e galega de nefroloxía, o colexio de Médicos de Ourense e as empresas Palex e A.M.A, e conta co patrocinio de Coren.