
Na fin de semana a Consellería do Medio Rural recibía á segunda delegación de bombeiros dos Países Baixos que realizará unha estadía formativa na nosa comunidade para coñecer os métodos e procedementos que se empregan en Galicia na prevención e extinción de incendios forestais.
Estes bombeiros neerlandeses estarán na comunidade ata mediados do mes de agosto, e poderán coñecer de primeira man a realidade e as estratexias de extinción que utiliza o Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia. Cabe sinalar que a primeira expedición neerlandesa rematou a súa estadía o 31 de xullo dun xeito moi satisfactorio.

Durante a súa estancia recibirán formación práctica e teórica no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, unhas instalacións impulsadas polo Goberno autonómico e que están a consolidarse como un referente a nivel internacional no adestramento de bombeiros forestais de toda Europa.
No eido teórico, aprenderán as características dos lumes que afectan a Galicia, mentres que na parte práctica recibirán nocións sobre a preparación física do SPIF, o manexo de auga e vehículos autobomba e a condución de todoterreos no CILL, entre outros. Haberá tamén unha xornada aberta para que os profesionais do SPIF poidan intercambiar experiencias. A maiores, visitarán as infraestruturas que ten a Dirección Xeral de Defensa do Monte espalladas polo territorio, como as bases aéreas de Verín-Oímbra e A Merca ou o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais.