Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o colexio celebra a súa particular ‘Semana da Muller’ cunha programación especial que busca “poñer en valor a historia, o legado e a diversidade das traxectorias femininas” e na que destaca unha exposición fotográfica dedicada ás avoas do colexio e unha mesa redonda titulada “8 para un 8”.

A primeira das propostas é unha mostra de fotos das avoas do colexio cando eran novos, cargada de memoria que reúne máis de 100 imaxes procedentes de álbums familiares. “Moitas destas fotografías, con décadas de antigüidade, foron restauradas grazas ao uso de intelixencia artificial, o que permitiu recuperar detalles, mellorar a calidade e devolver á vida retratos que forman parte da historia persoal e colectiva da comunidade educativa”, explican dende o centro, asegurando que a exposición “non só mira ao pasado familiar, senón que tamén establece chiscadelas e conexións con referentes femininos de distintos ámbitos”. Nela atópanse referencias a escritoras de onte, inventoras, actrices e mesmo xoguetes, que evocan os contextos culturais e sociais nos que creceron moitas destas mulleres. Estará aberta ao público a partir de mañá, xoves 5 de marzo.

O programa continuará o xoves día 12 coa mesa redonda aberta ao público. Un encontro no que oito mulleres afincadas en Valdeorras compartirán as súas experiencias vitais e profesionais. “Procedentes de ámbitos laborais e traxectorias persoais moi diferentes, as participantes ofrecerán a súa visión sobre o papel da muller na sociedade actual, así como os retos e oportunidades que marcaron os seus camiños”, aseguran dende a organización, destacando que con estas actividades, “o colexio pretende recoñecer o legado das xeracións anteriores, visibilizar referentes femininos e fomentar o diálogo interxeracional.


Fotos cedidas.