EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

A tenda de bicicletas OBIKE reabre as portas no Barco con nova xerencia

 

Tras un tempo pechada, a tenda especializada en bicicletas OBIKE vén de reabrir as portas na rúa Eulogio Fernández 60, no Barco de Valdeorras, pero con nova xerencia.

 

 

Á fronte atopamos a Fernando López González, do Barco, o mecánico e ciclista que durante tres anos levou o taller e que agora, tras recuperarse dunha caía nunha competición, decidía dar un paso adiante e emprender pola súa conta. Trátase dun proxecto que contou co asesoramento do Polo de Emprendemento do Barco e que manterá os mesmos servizos, venda e reparación de bicicletas e material deportivo (cascos, roupa,…) enfocado principalmente ao ciclismo, pero co toque persoal de Fernando e moita ilusión.

 

 

“A xente estaba contenta así que manteremos o que había porque tampouco hai outra cousa e necesitan unha tenda de bicis aquí”, di o mecánico que tamén manterá o horario da tenda, de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres.

De marcas, coa que máis traballan e que manterá é BH, que “é española e funciona moi ben”, di Fernando, exlicando que á parte da zona de exposición e venda, conta co taller na parte traseira, un pequeno almacén, unha oficina e un probador (que non había) decorado con fotografías de ciclistas.

 

 

Fernando coñece ben o mundo das bicicletas, tanto de estrada como de montaña xa que antes de recalar no Barco como mecánico correu durante anos cun equipo da costa, onde vivía, e agora, aínda que menos segue competindo. De feito a lesión que o mantivo afastado do negocio un par de meses foi na Copa de Asturias de Enduro, onde caeu e rompeu a clavícula, sen descartar máis carreiras.

Mostra do seu pasado coa bici son as fotografías e camisolas enmarcadas que decoran as paredes do local que reabría as portas na tarde deste venres 21 de novembro.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver, salvo as dúas primeiras verticais que son cedidas.

 

 

Back to top button