SanidadeÚltima hora

A Unidade de Emfermidades Infecciosas ten a seguemento a 650 ourensáns con diagnóstico de VIH

Pese ao maior coñecemento da enfermidade e as súas vías de contaxio en 2024 rexistráronse en Ourense 16 novos casos e 18 no que vai de ano

 

No marco do Día Mundial da Sida, o Hospital Universitario de Ourense acollía neste 1 de decembro unha mesa informativa do Plan SexSan do Servizo Galego de Saúde, na que participaron representantes da asociación Apoio Positivo e profesionais da Unidade de Enfermidades Infecciosas, responsables do seguemento dos pacientes con diagnóstico de VIH en Ourense, 650 na actualidade.

Dirixida por Ricardo Fernández, a Unidade de Enfermidades Infecciosas, leva desde a súa creación, a finais dos anos 80, o seguemento das persoas diagnosticadas de VIH en Ourense. Lonxe de ser unha enfermidade extinguida, de ano en ano detéctanse novos casos, 18 no que vai de ano. Unha cifra que lembra que a transmisión segue activa, pese aos grandes avances no seu diagnóstico e tratamento, polo que cómpre difundir e reforzar todas as medidas preventivas.

En 2024 rexistráronse en Galicia 137 novos casos. Deles 16 en Ourense, por elo o xefe desta sección de Medicina Interna, salienta que as prioridades para frear o avance do VIH son “diagnosticar e tratar canto antes, xuntando esforzos para atender, acompañar e mellorar a calidade de vida dos pacientes e, o máis importante, previr a enfermidade”.

Facer o test e tratar canto antes

Fernández insiste na importancia de realizar o test de VIH: “Canto antes se coñeza o diagnóstico, antes podemos iniciar o tratamento” subliña, máxime tendo en conta que “na actualidade, os tratamentos antirretrovirais son moi eficaces, teñen mínimos efectos secundarios e permiten acadar unha carga viral indetectable, o que impide totalmente a transmisión do virus” explica.

Ademais de romper o círculo de contaxio, o diagnóstico precoz mellora de forma decisiva a saúde das persoas, prolonga a súa esperanza de vida e prevé novas infeccións. Para facilitar o acceso ás probas, Ourense conta con puntos de información e cribado que ofrecen probas rápidas, confidenciais e de balde.

Neste intre, a transmisión afecta de forma particular a homes que teñen sexo con homes (HSH), polo que se recomenda extremar as prácticas seguras, reforzar os cribados periódicos e acudir a realizarse o test ante calquera situación de risco.

Ricardo Fernández lembra a importancia de facer cada vez máis probas do TEST VIH nos hospitais, en Urxencias –no marco do programa de Saúde Pública Vihxía- ou nos Centros de Saúde é moi importante, así como a axuda das ONG e as comunidades de apoio para facer chegar estas probas a poboacións de risco. Asemade aconsella “facerse a proba alo menos unha vez na vida ou periodicamente se hai factores de risco”.

Durante a xornada informativa, contouse coa participación da asociación Apoio Positivo, representado por Pablo Barrio, que cada semana mantén un punto informativo no local asociativo do Hospital Universitario de Ourense (na entrada principal ao Cristal. Xunto a Información)Neste espazo realízanse probas rápidas de VIH, normalmente mediante cita previa, chamando ao teléfono 670 578 620, ademais de ofrecer acompañamento, información e apoio a quen o precise.

 

 

Tratamentos cada vez máis eficaces

Neste intre o tratamento erradicador e as vacinas continúan en investigación, pero na actualidade todos os novos tratamentos antirretrovirais (TAR) son moi eficaces en conseguir frear a replicación do VIH – carga viral negativa- e así preservar o sistema inmunitario.

Os TAR son tratamentos que se deben manter toda a vida, a maioría consisten nunha pastilla diaria, e desde hai un par de anos algúns pacientes benefícianse cunha terapia inxectable ou “long acting TAR”, que consiste nunha inxección intramuscular cada dous meses.

O mellor tratamento seguen sendo as medidas de prevención, o uso de preservativo e en determinados casos a PreeP (profilaxe pre-exposición). A profilaxe pre-exposición (PreeP), aprobada 2016, consiste nun tratamento que reduce as probabilidades de contraer o VIH a través das relacións sexuais ou do consumo de drogas inxectables. A cara B deste tratamento é a despreocupación que produce especialmente nos usuarios máis novos, que por esquivar o VIH crense inmunes ao resto de problemas derivados de relacións sexuais sen protección.

Back to top button