
Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un conato de incendio forestal rexistrado o 30 de marzo no concello do Carballiño e outro do 3 de abril no de Coles, tal e como vén de informar a Xunta de Galicia.
No caso do Carballiño, rexistrouse no lugar da Vilar e afectou 0,28 hectáreas de superficie. Tras unha inspección ocular, os axentes determinaron que o lume foi orixinado por mor dunha queima sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade necesarias. Na extinción participaron un axente forestal, catro brigadas e tres motobombas. As dilixencias por estes feitos, nos que resultou investigada unha persoa como presunta autora do lume, foron remitidas á Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia do Carballiño.
Pola súa parte, o de Coles afectou 0,34 hectáreas de superficie no núcleo de Cambeo, 0,14 delas arboradas, logo de orixinarse tamén nunha queima feita sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade. A extinción do lume contou coa participación de dous axentes forestais, catro brigadas, tres motobombas e un helicóptero. As dilixencias por estes feitos foron remitidas á Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense.
Como resultado, foi investigada unha persoa como presunta responsable do incendio, que finalmente foi detida ao presentarse nas dependencias policiais cun vehículo da súa propiedade con placas correspondentes a outro turismo, polo que foi posta á disposición da Policía Nacional por un presunto delito de Falsidade en Documento Oficial.
No que vai de campaña, a UPA leva sete persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta apela á “concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios”. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.