OurenseÚltima hora

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia esclarece un incendio forestal na provincia

Os axentes detiveron unha persoa sospeitosa que portaba numerosos chisqueiros e papel presumiblemente destinados a prender lume

Imaxe de arquivo dun incendio forestal na provincia de Ourense.

 

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 31 de xullo no concello de Celanova, segundo vén de informar a Consellería do Medio Rural.

O incendio rexistrouse na parroquia de Amoroce e afectou unha superficie de 0,1 hectáreas de superficie rasa. O lume orixinouse de forma intencionada, con tres focos moi próximos entre si, presuntamente por unha persoa á que no momento da súa detención lle foron intervidos varios chisqueiros e papel presumiblemente destinados a prender lume.

A detención enmárcase nunha investigación levada a cabo pola UPA centrada nos incendios forestais rexistrados nesta zona, onde xa se estaba realizando un seguimento. A persoa detida levaba meses baixo vixilancia e impútaselle a autoría doutros 20 lumes ocorridos na mesma área, 13 deles no ano 2024 e 7 no 2025.

Na extinción do lume de Amoroce participaron un axente forestal, catro brigadas e dúas motobombas.

As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Celanova. No que vai de campaña, a UPA leva 14 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

 

Back to top button