PolíticaÚltima hora

A V Xuntanza Socialista de Ourense reúne a máis de 300 persoas en Allariz

Durante o acto entregáronse os Premios ConMemora 2026, que recoñeceron as traxectorias de Camilo Ocampo e Elena Espinosa

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar esta tarde en Allariz a V Xuntanza Socialista de Ourense, consolidade un ano máis coma unha das citas máis importantes, non só para o socialismo ourensán, senón tamén para o galego. Un encontro que reuniu a máis de 300 persoas chegadas de toda a provincia e tamén doutras zonas de Galicia e que ano tras ano sirve como punto de convivencia e reflexión política do socialismo ourensán.

A xornada contou coa participación do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; do secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; da voceira socialista en Allariz, Elena Peaguda; da concelleira na cidade de Ourense, Alba Iglesias; e do voceiro do PSOE no Congreso Patxi López, nun programa que combinou intervencións políticas, recoñecementos e espazos de encontro entre a militancia. O encargado de dar a benvida e facer as presentacións foi o voceiro da Executiva Provincial, Patrick Rodríguez.

Un encontro consolidado na provincia que reforza identidade, memoria e proxecto político

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense destacou a relevancia desta quinta edición da Xuntanza Socialista, subliñando que o encontro se consolidou como unha cita “imprescindible” no calendario político da provincia, tanto polo seu carácter participativo como polo seu papel na cohesión interna da organización. Segundo sinalan, esta edición volveu demostrar a capacidade do partido para mobilizar á súa militancia arredor dun proxecto común, reforzando os vínculos entre comarcas e xeracións distintas do socialismo ourensán.

A Xuntanza Socialista de Ourense naceu como unha iniciativa da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense para poñer en valor a memoria e a tradición do socialismo ourensán, tomando como referencia a efeméride histórica da voda de Pedro de la Iglesia e Juana Pose na igrexa da Trinidade de Ourense en 1841, da que xurdiu Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE. Este xesto simbólico converteuse co paso dos anos nun encontro anual de convivencia, reflexión e encontro da militancia, que percorreu distintos concellos da provincia como A Peroxa, Ourense, Maceda ou Lobios, consolidándose como unha cita de referencia que combina identidade política, memoria histórica e fortalecemento organizativo do partido en Ourense e en Galicia. 

Patxi López: “O socialismo segue sendo a política útil fronte ao ruído, a ultradereita e a desigualdade”

O voceiro do PSOE no Congreso, Patxi López, aproveitou a súa intervención na V Xuntanza Socialista de Ourense para facer unha análise do actual contexto político estatal e reivindicar o papel do PSOE como principal forza de goberno e transformación social. Referiuse aos recentes procesos electorais, recoñecendo que “non todos os resultados foron os que desexabamos”, aínda que subliñou que as e os socialistas seguirán reforzando a súa conexión coa cidadanía “desde a proximidade, o traballo diario e a presenza constante na rúa”. López asegurou que “a política útil é a que mellora a vida da xente”, defendendo que o Goberno progresista impulsou medidas que chegaron “a todas as familias, a todos os traballadores e traballadoras e a todos os territorios”.

Patxi López puxo ademais en valor a situación económica actual de España, lembrando que “fronte ás previsións catastrofistas da dereita, España é hoxe unha das economías que máis medra da zona euro, con máis emprego, menos paro e maior protección social”. Atribuíu estes datos ás políticas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez, especialmente á reforma laboral, aos fondos europeos, ás enerxías renovables e ao reforzo do estado do benestar, fronte a un PP que “votou practicamente en contra de todas as medidas importantes”. “Europa fala hoxe do éxito económico español e iso ten un nome: política útil e socialdemocracia”, afirmou.

O dirixente socialista tamén destacou os avances en materia de vivenda, sinalando que o acordo estatal impulsado polo Goberno supón “un paso histórico para ampliar a vivenda accesible e blindala fronte á especulación”. Defendeu a necesidade de máis investimento público, máis transparencia e máis cooperación institucional para afrontar “o principal problema que teñen moitos mozos e mozas e milleiros de familias”, e concluíu reivindicando que “fronte ao ruído e ao bloqueo, gobernar é chegar a acordos útiles para a maioría social”.

 

 

Besteiro: “A memoria é hoxe un campo de batalla e o socialismo está aquí para defendela con feitos e organización”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor a continuidade desta xuntanza ao longo de cinco anos consecutivos, subliñando que “non é habitual manter no tempo un encontro que non só reúne á organización, senón que tamén reafirma a súa identidade política e o seu proxecto colectivo”. Durante a súa intervención aproveitou para lembrar o significado dos premios ConMemora, asociados á memoria democrática e a á tradición socialista, evocando a “ligazón histórica do socialismo con Ourense” e reivindicando a memoria como un “elemento central” nun momento no que, dixo, “se tenta reinterpretar ou minimizar o papel do PSOE na construción da democracia”. Fronte a iso, defendeu a “necesidade de manter viva a historia, a organización e a presenza política do socialismo como garantía de respecto institucional e de defensa dos valores democráticos”.

No plano político, Besteiro definiu o socialismo en Galicia como “a defensa efectiva da igualdade real entre persoas e territorios”, poñendo o foco nas “desigualdades en servizos públicos, no deterioro do rural e na situación estrutural da provincia de Ourense tras décadas de goberno do Partido Popular”.

Criticou que esa longa etapa de goberno derivase nun “debilitamento da sanidade pública, nunha perda constante de poboación e nunha falta de resposta suficiente ante problemas recorrentes como os incendios forestais, que describiu como un exemplo de desleixo e ausencia de planificación”. Nese sentido, sinalou que “a repetición anual dos lumes en Ourense non pode seguir sendo tratada como unha fatalidade inevitable, senón como unha consecuencia de políticas insuficientes en prevención e xestión do territorio”. Fronte a ese diagnóstico, reivindicou o PSdeG como “unha alternativa seria, centrada na defensa dos servizos públicos, na dignificación do rural e na igualdade de oportunidades”.

Vila: “Cinco anos de Xuntanza demostran que o PSdeG de Ourense é unha organización viva, forte e cohesionada”

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, destacou que este acto “é un espazo de convivencia, de orgullo militante e de reafirmación do que significa ser socialista en Ourense”. Durante a súa intervención,  tamén puxo en valor a importancia do Partido Socialista como forza histórica e vertebradora do progreso, lembrando que encontros como este “permiten fortalecer os lazos entre compañeiros e compañeiras e renovar o compromiso cun proxecto político que leva décadas defendendo a igualdade, a xustiza social e a dignidade dos nosos concellos e da nosa provincia”.

Vila Araújo subliñou o carácter especial desta xuntanza, sinalando que “a V Xuntanza Socialista de Ourense volve demostrar que o socialismo ourensán ten raíces profundas e un presente vivo, con capacidade para seguir construíndo futuro desde a proximidade e o traballo diario en cada municipio”. O secretario provincial cualificou o encontro como unha xornada de confraternización, na que “máis alá do debate político, prevaleceu o sentimento de familia socialista, a memoria compartida e a ilusión colectiva por seguir avanzando xuntos”.

Finalmente, engadiu que a experiencia acumulada en edicións anteriores celebradas en lugares como A Peroxa, Santa Cruz de Arrabaldo, Maceda ou Lobios evidencia que esta iniciativa “se consolidou como unha cita imprescindible, capaz de unir xeracións distintas do socialismo ourensán arredor dun mesmo proxecto e dun mesmo sentimento de pertenza”.

Elena Peaguda: “Outra Ourense e outra Galicia son posibles se somos capaces de crer e organizarnos”

A voceira do PSdeG-PSOE en Allariz, Elena Peaguda, puxo en valor que “outra Ourense e outra Galicia son posibles”, reivindicando a necesidade de seguir traballando desde a política municipal e desde a militancia para construír alternativas reais baseadas na igualdade, na cohesión territorial e na defensa dos servizos públicos. Aproveitou a ocasión para destacar o valor histórico, patrimonial e cultural de Allariz, lembrando que o municipio “é un referente dende os albores da súa historia ata a actualidade”, e subliñou o seu recoñecemento como Conxunto Histórico-Artístico, o seu Premio Europeo de Urbanismo e a súa condición de Reserva da Biosfera pola UNESCO. Neste sentido, convidou ás persoas asistentes a gozar en primeira persoa dunha “fartura de paisaxe, arte, etnografía e gastronomía” que define o concello e o converte nun exemplo de respecto ao territorio e posta en valor do patrimonio.

 

Finalmente, fixo un chamamento a reforzar os lazos entre a militancia socialista, subliñando que “a unidade, xunto ao diálogo e o respecto, será sempre a nosa maior fortaleza” para defender os dereitos da cidadanía e avanzar nun modelo de sociedade máis xusta e sostible. Pechou a súa intervención reivindicando tamén o compromiso colectivo co coidado do planeta, lembrando que “o coidado deste mundo que tanto nos dá” debe ser unha prioridade compartida desde todas as institucións e desde a acción política diaria.

Alba Iglesias: “A nova política faise tamén en 60 segundos se somos capaces de emocionar e conectar coa xente”

A V Xuntanza Socialista de Ourense, celebrada onte en Allariz, tamén contou coa intervención da concelleira na cidade de Ourense, Alba Iglesias, que puxo o foco no papel das novas xeracións na renovación do panorama político actual, especialmente no protagonismo crecente das mulleres novas dentro das organizacións e das institucións.

Iglesias defendeu a necesidade de “abrir unha etapa de transformación na forma de facer e comunicar a política, rompendo coas estruturas tradicionais e apostando por novas ferramentas e canles dixitais que permitan conectar de maneira máis directa e real coa cidadanía”. Neste sentido, subliñou que “sintetizar as necesidades da nosa provincia ou a xestión dun concello nun vídeo de 60 segundos, e conseguir enganchar, emocionar e facerse entender, ten moito, moitísimo de política”, reivindicando así o valor da comunicación como unha parte esencial da acción política contemporánea.

Premios ConMemora 2026 ao compromiso político e aos valores socialistas

A comisión delegada pola Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense para o outorgamento dos Premios ConMemora na súa V edición acordou recoñecer a traxectoria de Camilo Ocampo e Elena Espinosa, en atención ao seu destacado percorrido de servizo público, compromiso institucional e contribución ao desenvolvemento de Ourense e de Galicia desde diferentes responsabilidades ao longo das súas carreiras.

No caso de Camilo Ocampo, o xurado salientou a súa dilatada traxectoria ao servizo do interese xeral, especialmente durante o seu desempeño como subdelegado do Goberno en Ourense entre 2004 e 2012, así como o seu posterior regreso ao ámbito do ensino, a súa profesión de orixe. Destácase o seu compromiso constante coa provincia, exercido desde o equilibrio, o respecto e a concordia, así como unha forma de facer política baseada na profesionalidade, discreción e eficacia, que lle fixo merecedor do recoñecemento de persoas de diferentes sensibilidades. A comisión puxo tamén en valor a súa capacidade de diálogo, proximidade e sentido institucional, xunto cunha traxectoria marcada pola honestidade, o traballo constante e unha concepción profundamente humana da política, así como a súa dedicación ao partido durante décadas.

Pola súa banda, Elena Espinosa foi distinguida pola súa destacada carreira política e institucional, con especial relevancia no seu paso polo Goberno de España como ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación (2004–2008) e ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (2008–2010). A comisión subliña a súa contribución á proxección de Ourense e de Galicia en responsabilidades de máximo nivel, así como o seu labor caracterizado pola profesionalidade, solvencia e visión estratéxica ao servizo dos sectores produtivos, especialmente os vinculados ao rural, á pesca e á industria agroalimentaria. Tamén se pon en valor o seu compromiso co territorio galego, a súa defensa da igualdade de oportunidades e da presenza da muller nos espazos de decisión, así como a súa capacidade de diálogo, consenso e transferencia de coñecemento ás novas xeracións, converténdose nun referente de servizo público e liderazgo feminino.

 

Back to top button