Cun novo éxito de participación, comportamento e resultado para os equipos locais, remataba na tarde deste domingo 15 de xuño a ‘Valdeorras Perullo Cup 2025’, tras cinco días de intenso xogo no Campiño de Viloira (O Barco).
“Foi un dos anos con máis equipos inscritos ata o punto de quedar moitos fóra pero non dispoñemos de máis horas”, di dende a organización o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, lamentando que fallaron a última hora dous equipos de Ponferrada na categoría prebenxamín co cal tiveron que facer un grupo de cinco en lugar de sete como estaba establecido inicialmente, “pero en liñas xerais foi todo moi ben”. Como destacable, segundo Nilo, “o comportamento de todos os participantes, con moi bo ambiente e moita xente”.

Trátase pois dun torneo máis que consolidado que cada ano vai a máis. “Gusta o modelo de fútbol rúa”, di o presidente do club, felicitando á súa directiva porque “leva traballado moito e isto non se podería facer sen voluntarios”.
Con respecto aos resultados, na tarde do sábado celebrábanse as primeiras finais. Na categoría prebenxamín gañaba o CD Barco; en benxamín tamén o CD Barco; e en xuvenil, o Dinamo de Kiev nos penaltis. E xa na tarde do domingo era o turno das categorías alevín que gañaba de novo o CD Barco; infantil, Castromarigo; e cadete, Relámpago de Pusmazán.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos: