A Fundación Florencio Delgado Gurriarán vén de facer público o xurado do seu VII Premio de Poesía integrado por creadores e creadoras da escena cultural galega dedicados a disciplinas como a poesía, a dramaturxia, a música e as artes escénicas. Trátase “dun xurado plural e multidisciplinar” que terá a responsabilidade de seleccionar os poemas gañadores nunha edición que por vez primeira incorpora tres recoñecementos mantendo un primeiro premio de 3.000€ para gañador ao que se lle suman un segundo premio de 500€ e un terceiro premio de 300€, todos eles para un único poema.

Seguindo a tradición e as bases do certame, o gañador da edición anterior incorpórase ao xurado da seguinte convocatoria, neste caso Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958), poeta, editor e unha das figuras máis relevantes das letras galegas actuais. Vencedor no 2025 co poema A porta da casa que se abre, a súa ampla traxectoria achega ao xurado unha das voces máis recoñecidas e prestixiosas do panorama galego. Xunto a el estará Lúa Mosquetera (Miño, 1988), unha das voces máis singulares da nova poesía galega e que combina na súa obra compromiso social, intensidade expresiva e unha forte conexión co público. Cunha proposta marcada polo feminismo, a oralidade e a experimentación escénica, os seus recitais son un referente da poesía en vivo.

Outra poeta, dramaturga e actriz que estará no xurado é a valdeorresa Fátima Delgado (O Barco, 1981), unha das voces máis innovadoras da creación contemporánea galega. A súa obra transita entre a poesía, o teatro e a performance, mantendo unha intensa actividade escénica e literaria que a levan a participando en festivais nacionais e internacionais. Tamén integra o xurado Raúl Gómez Pato (Ourense, 1966) licenciado en Filoloxía Clásica e autor dunha sólida obra poética recoñecida con diversos galardóns. Docente e escritor, destaca polo seu labor como tradutor de autores clásicos ao galego e como director da colección Vetera da Editorial Rinoceronte. Actualmente preside a Asociación de Tradutores Galegos. Amais disto, foi gañador do Premio Florencio Delgado Gurriarán na edición 2019 co poema Vinte, desolación.

O eido musical estará representado por Sara Faro (Vigo, 2001). Música, dramaturga e creadora escénica, desenvolve unha práctica artística interdisciplinar na que converxen palabra, música e escena. Integrante do grupo musical Fillas de Cassandra, destaca pola súa capacidade para dialogar entre tradición e vangarda, explorando cuestións de memoria, identidade e pensamento crítico desde unha perspectiva contemporánea.

O prazo de presentación de poemas candidatos remata o 23 de xuño de 2026 ás 23:59 horas. Será entón cando comece o traballo do xurado que dedicará os meses de xullo e agosto á lectura, análise e escolla dos tres poemas finalistas, que deben ser inéditos, en galego e non superar os 50 versos. A gala de entrega do Premio celebrarase no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 19 de setembro.


