
Entre os traballos premiados no concurso de fotografía “Memoria de los incendios en León y el Bierzo”, figura unha imaxe da valdeorresa Herminia Pérez Paradelo, na categoría ‘Antes’ pola obra ‘Renacer’. Esta instantánea amosa a paisaxe das Médulas ao amencer antes de que o lume as tinguise de negro.
Os outros premiados son Diego Fernández Martín, na categoría ‘Durante’, por ‘Suor, bágoas e cinza’, unha fotografía que capta a unha fileira de brigadistas observando os efectos das chamas; e en Isabel Turrado Almanza, na categoría ‘Despois’, por ‘Pareidolia Devastación’, unha foto dun tronco calcinado que, como consecuencia do lume, “adopta unha forma singular e evocadora, convidando o espectador a recoñecer figuras e significados na devastación”, segundo os promotores do certame.
O concurso, promovido polo Vicerreitorado de Estudantes, Cultura e Deportes contou con máis de 120 obras presentadas que reflicten o impacto dos incendios do verán e 2025, así como a súa pegada no patrimonio natural e cultural da provincia, unha participación que, segundo destaca a director da área de Cultura, Iván Rega, permite falar dunha convocatoria cun “gran éxito de participación e calidade artística”.
Con esta iniciativa a Universidade de León pretende reafirmar “o seu compromiso coa memoria, a concienciación ambiental e a reflexión colectiva ao redor das consecuencias dos incendios forestais, utilizando a fotografía como ferramenta de testemuño e sensibilización social”.
As obras premiadas, xunto cunha selección de imaxes elixidas polo xurado, formarán parte dunha exposición fotográfica itinerante que poderá visitarse entre xaneiro e marzo de 2026 no Ateneo Cultural El Albéitar e posteriormente recalará no Campus de Ponferrada.