CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A valdeorresa Nerea Jiménez, nas audicións a cegas de ‘La Voz 2026′, este venres en Antena 3

 

Que Valdeorras é berce de grandes artistas, en moitas disciplinas, está fóra de toda dúbida, sendo a música na que máis están destacando ultimamente. Hai uns meses anunciábamos a participación de Lúa López en La Voz Kids e agora facémolo doutra barquense, para a edición de adultos do concurso musical de Antena 3.

Nerea Jiménez, membro de AMaVA e unha das voces máis potentes que se teñen escoitado na comarca, participará este venres nas audicións a cegas de La Voz 2026. “Non podo estar mais ilusionada e orgullosa por esta oportunidade”, asegura a propia Nerea nas súas redes sociais, recoñecendo que “a mini Nerea que se presentou tres veces La Voz Kids está dando pinchacarneiros agora mesmo”.

Destaca que unha experiencia “tan INCRIBLE (quedo curta ata con maiúsculas) como esta só podía regalarma a música, e que felicidade compartila con xente tan talentosa como son todas as miñas compis. Momentos como este me reafirman que todo sucede como e cando ten que suceder”, di segura, convidando á xente a vela no programa que se emitirá este venres 16 de outubro ás 22 horas. “Espero que desfrutedes moito véndome, tanto como eu desfruto sempre a música”, di.

Dende AMaVA (Asociación de Música Alternativa de Valdeorras) non poden estar máis orgullosos do logro desta prometedora voz e de todas as que van saíndo. “Temos fichaxes en La Voz, La Voz Kids e varios en Recantos do Luar… Estamos súper orgullosos de que leven traballado tanto para estar aí”, asegura o presidente, Moncho Teira.

 

 

Fotos: Instagram de Nerea.

 

Back to top button