
Despois de tres meses de fase preparatoria, o seleccionador galego Jairo Campo contou coa valdeorresa Vera Rodríguez González (xogadora do Ourense Ontime FSF) para formar parte, por terceiro ano consecutivo, da Selección Galega de fútbol sala feminino, nesta ocasión Sub16, que participará no campionato de España que se celebrará en Salou (Cataluña) na vindeira semana.

Vera marchará xa o luns aínda que os partidos de fase de grupos comezarán o mércores 18 de febreiro. A Selección Galega encádrase no grupo B con Cantabria, Andalucía e Comunidade Valenciana. Na primmeira xornada as galegas enfrontaranse ás cántabras; na segunda, o xoves día 19, ás valencianas; e na terceira ás andaluzas. A semifinal xogarase o sábado día 21 e a final o domingo día 22.

Coma sempre Vera afronta este campionato “coas máximas expectativas ao igual que as súas compañeiras de selección”, xa que xunto con Cataluña, Andalucía e Galicia “son as puntas de lanza no fútbol sala feminino no noso país”, polo que espera “poder volver co campionato nos brazos”.

Fotos cedidas.