A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, será a madriña das Xornadas Interxeracionais deste curso 2025/ 2026, unha iniciativa conxunta do Centro de Día da Rúa e do Colexio Pablo VI-Fátima, coordinada por Carmen Estévez e Gloria Chimeno, dentro do marco do lema deste ano “Pegadas grandes, pasitos pequenos: cada xesto conta”.
Este proxecto, que une a maiores e alumnado de infantil, busca fortalecer a convivencia, o respecto e a aprendizaxe mutua, deixando pequenas accións que constrúen grandes experiencias compartidas.

A institución galega amosa o seu respaldo a esta proposta educativa e social, subliñando a “importancia de crear espazos onde xeracións distintas poidan atoparse, compartir vivencias e enriquecerse unhas a outras”.
Como mostra do seu apoio, a Valedora do Pobo enviou un vídeo dirixido a toda a comunidade educativa, no que felicita a continuidade desta colaboración entre o centro de día e o colexio, e destaca o valor das relacións interxeracionais na formación integral do alumnado e na vida comunitaria.
As xornadas desenvolveranse ao longo do curso con actividades diversas que reflicten o espírito do lema “pequenos xestos que deixan grandes pegadas en quen participa”.