Lentamente, moitos con mensaxes nas ventanillas e facendo soar a bucina. Así percorrían na tardiña deste mércores 27 de agosto, centos de coches o traxecto entre Petín e O Barco de Valdeorras pola N-120, como mostra de condea polo incendio que dende hai 13 días permanece activo no vertedoiro da Rúa, cos serios problemas para a saúde do fume que sobrevoa dende o 15 de agosto a zona.
Tendo en conta que “a entulleira segue ardendo e ninguén toma medidas”, a poboación de Petín, case a máis perxudicada, decidía mobilizarse. “Os veciños levan días moi cabreados, e a Xunta que é quen consideramos que ten que solucionar o tema, non nos fai caso, polo que tivemos unha reunión e decidimos comezar a movernos para que nos teñan en conta”, asegura a alcaldesa, Raquel Bautista.
A primeira actuación era a de hoxe á que asistían centos de vehículos de diferentes partes da comarca, especialmente de Petín e A Rúa, con saída ás 20 horas da praza petinesa e chegada ata a rotonda do Lidl saíndo de novo á N-120 por Veigamuíños e A Proba.
A veciñanza asegura que “mañá haberá máis mobilizacións” e que se admiten propostas para facer presión.





Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella, Mónica G. Bellver e cedidas.