
O Concello da Veiga organiza, do 5 ao 8 de setembro, as festas na honra de Santa María Nai, cun programa que combina tradición, cultura, música e ocio para todos os públicos. As celebracións comezarán este sábado 5 de setembro co Campionato de Tute, ás 16.00 horas, seguido, ás 18.00 horas, do espectáculo de contacontos “Contos en Lila”, de Cris de Caldas. A partir das 19.30 horas terá lugar unha das propostas máis ligadas á tradición popular: Cantos de Taberna polos bares do pobo. A actividade estará acompañada
dunha proposta gastronómica na Praza do Concello, con caldo galego con faba loba e sopas de allo, coa participación do Albergue Montañas de Trevinca, Restaurante Río Xares, O Retiro, Bar Laila e Bar Yáñez.
O domingo 6, a programación ábrese ás 16.00 horas coa continuación do Campionato de Tute, dando paso pola noite á festa e verbena coa orquestra Triunfo. A xornada do luns 7 estará marcada pola música. Ás 20.00 horas, a Praia dos Franceses acollerá o concerto de Son Galaico. Posteriormente, ás 23.00 horas, a actividade
trasladarase á Praza do Concello coa actuación da disco móbil La Gramola.
As festas chegarán ao seu día grande o martes 8 de setembro, festividade de Santa María Nai. Ás 12.00 horas celebrarase a misa e procesión na honra de Santa María Nai, acompañada dunha charanga, e ao remate terá lugar unha sesión vermú. Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o Xogo de Bolos, mentres que pola noite a música correrá a cargo da orquestra Saudade.
A programación inclúe tamén actividades específicas para os máis pequenos. Do domingo 6 ao martes 8, en horario de 16.30 a 19.30 horas, o recinto do Pavillón Municipal de Deportes acollerá xogos infantís, con propostas como pintacaras, circuíto de coches e colchonetas entre outras actividades.
Con este programa, o Concello da Veiga aposta por unhas festas que poñen en valor a tradición e a cultura popular, ao tempo que ofrecen diferentes propostas de lecer e encontro para veciñanza e visitantes. As celebracións buscan así converter A Veiga nun punto de encontro durante estes días e contribuír á dinamización social, cultural e turística do municipio.
Foto cedida.