SanidadeÚltima hora

A Veiga e a AECC reforzan a súa colaboración con novas accións de sensibilización e voluntariado

 

Na xornada deste xoves 18 de xuño o Concello da Veiga e a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense mantiñan unha reunión de traballo para reforzar a súa colaboración e impulsar novas iniciativas de prevención, sensibilización e voluntariado no municipio. “No encontro tamén se avanzou na organización da Andaina Solidaria contra o Cancro, que volverá celebrarse no municipio durante o próximo mes de agosto”, avanzan dende o Concello.

Na reunión participaron Judit Vega, xerente da Asociación Contra o Cancro en Ourense; Eva Yáñez, concelleira de Cultura do Concello da Veiga; Araceli Macías, educadora familiar do Plan de Inclusión; e Marta Vila, técnica de turismo.

A xerente da entidade presentou o labor que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro na provincia, dando a coñecer os seus servizos de apoio e acompañamento ás persoas con cancro e ás súas familias, os programas de voluntariado, e as accións de prevención, información e sensibilización que promove ao longo do ano. Durante o encontro “tamén se abordaron distintas vías de colaboración que permitan achegar estes recursos á veciñanza da Veiga e fortalecer a presenza da entidade no municipio”.

Segundo explican, entre as accións previstas figura a “organización de charlas informativas e actividades de sensibilización dirixidas á poboación; o fomento de hábitos de vida saudables e a promoción da importancia da prevención e da detección precoz. Así mesmo, estase a estudar posibilidade de crear un grupo local de voluntariado que contribúa a apoiar localmente as iniciativas que a entidade desenvolve”.

O obxectivo desta colaboración é “facilitar que a cidadanía da Veiga coñeza de primeira man os recursos de apoio dispoñibles para pacientes oncolóxicos e as súas familias, así como favorecer a participación social en proxectos solidarios e de acompañamento”. A reunión tamén permitia avanzar nos preparativos da Andaina Solidaria contra o Cancro 2026, unha iniciativa xa consolidada no calendario de actividades estivais da Veiga.

Esta liña de colaboración conta co respaldo do goberno municipal encabezado polo alcalde, Juan Anta Rodríguez, e enmárcase no compromiso do Concello da Veiga coa promoción da saúde e a mellora da calidade de vida das persoas.

Back to top button