
O Concello da Veiga vén de dar a coñecer a súa ampla programación de actividades culturais e astronómicas de agosto, que converte ao municipio “nun punto de encontro para a cultura, a astronomía e o lecer”. Durante todo o mes sucederanse espectáculos, concertos, exposicións, observacións astronómicas e iniciativas para toda a familia que culminarán co acontecemento máis esperado do ano: a Eclipse Total de Sol do vindeiro 12 de agosto.
“A programación responde á aposta do Concello por ofrecer unha proposta cultural e turística diversa e de calidade, capaz de dinamizar o verán tanto para a veciñanza como para as miles de persoas que cada ano escollen A Veiga como destino de vacacións. Ao mesmo tempo, constitúe un novo paso na estratexia de promoción do municipio como destino de referencia para o turismo de natureza e o astroturismo, aproveitando un dos seus grandes sinais de identidade: a excepcional calidade do seu ceo nocturno”, segundo indica o grupo de goberno veigués.
A programación abrése neste 5 de agosto coa inauguración da exposición “Tecendo Soños. Unha década fiando igualdade”, unha mostra que percorre dez anos de traballo arredor da igualdade, da creatividade e da participación social. A inauguración contará coa actuación das Escolas de Música Municipais e continuará co concerto “Foliada Asalto”, do grupo Pesdelán, convertendo a Praza do Toural nun espazo de encontro arredor da cultura galega.
A cultura continuará sendo protagonista o 7 de agosto co espectáculo de rúa “Quimera”, unha proposta de gran formato que combina teatro visual, danza, circo e artes escénicas para transformar o espazo público nun escenario aberto á imaxinación e á participación do público.

A astronomía adquirirá especial protagonismo durante a segunda semana de agosto. O 8 de agosto, celebrarase a charla divulgativa “Benvida, Eclipse”, unha actividade aberta ao público que permitirá coñecer de primeira man as características do fenómeno astronómico que se poderá contemplar desde A Veiga apenas uns días despois. Nesa mesma xornada celebrarase tamén o tradicional Campionato de Bolos, unha cita na que o Concello colabora para contribuír á conservación e posta en valor dos xogos populares.
O 9 de agosto chegará unha das grandes citas do verán coa Festa da Veiga, acompañada da súa tradicional feira e dunha verbena popular.
O momento central da programación será o 12 de agosto, coa Eclipse Total de Sol. O Concello leva meses desenvolvendo unha programación específica arredor deste acontecemento, mediante actividades divulgativas, obradoiros, conferencias e propostas para achegar a astronomía a todos os públicos. Tras a observación da eclipse, a cita culminará cun concerto do histórico grupo galego A Roda.
A programación astronómica continuará o 10 de agosto coa observación guiada das Perseidas no Centro Astronómico de Trevinca, durante a cal os participantes poderán contemplar unha das choivas de estrelas máis coñecidas do ano desde un dos mellores ceos nocturnos da comunidade.
A oferta cultural prolongarase o 17 de agosto coa proxección ao aire libre da película “San Simón” e o 24 de agosto co concerto do grupo Alana na Praia dos Franceses.
Xunto a estas citas, durante todo o mes manteranse diferentes servizos e actividades que complementan o verán neste municipio. O Club de Praia desenvolverá a súa programación nas praias fluviais do Coiñedo e dos Franceses, permanecerá operativo o servizo de alugueiro de material náutico e de bicicletas convencionais e eléctricas, e o Centro Astronómico de Trevinca continuará ofrecendo sesións de planetario e observación astronómica cada fin de semana.
