SanidadeÚltima hora

A VII Andaina Solidaria a favor da Fundación Andrea celebrarase este sábado en Taboadela

As inscricións destinaranse integramente á Fundación Andrea de apoio aos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais

 

Os servizos de Pediatría e Humanización e Atención ao Paciente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras colaboran un ano máis na Andaina Solidaria da Fundación Andrea, que terá lugar en Taboadela este sábado, día 23 de maio, co obxectivo recadar fondos para os programas de apoio aos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como ás súas familias.

A sétima edición desta iniciativa iniciarase ás 10.30 horas, desde o local social da Rabeda (Taboadela), punto no que tamén rematará o percorrido circular de 10 quilómetros. O obxectivo principal da xornada é a solidariedade, pero tamén servir de punto de encontro entre as familias e os profesionais, nun marco de exercicio ao ar libre, apto para todas as idades, e aberto á participación de todas as persoas que desexen pasar unha mañá de lecer, colaborando coa atención á infancia e á humanización sanitaria.

O importe da inscrición é de 10 euros e destinarase integramente á Fundación Andrea. Esta achega é posible grazas á participación das institucións e empresas colaboradoras, que asumen e facilitan os gastos de organización, seguros, avituallamento e o xantar ao remate da andaina, de xeito que, a totalidade dos fondos recadados, poidan destinarse aos programas que desenvolve a Fundación.

Inscricións e dorsal 0

As persoas interesadas en participar deben realizar un ingreso de 10 euros na conta de La Caixa habilitada pola Fundación Andrea: ES64 2100 4876 032200044308. No ingreso é imprescindible indicar nome e apelidos, DNI e, poñer como concepto “ASOU” (Área Sanitaria de Ourense). Outra opción é contactar co Servizo de Humanización, no teléfono 988 388 515, ou incribirse directamente no punto de saída. Ademais, se queren colaborar pero non poden asistir a andaina, poden facelo co “dorsal 0” na mesma conta, e indicando ese concepto no ingreso.

Ademais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nesta edición colabora novamente o Concello de Taboadela, Apetéceme, Vía Auria, Panadería Panrey, Sousas, Nosa Carne e Gadis, entidades que fan posible o desenvolvemento da actividade e contribúen a que a recadación das inscricións poida destinarse integramente á Fundación Andrea.

Apoio ás familias e humanización pediátrica

A Fundación Andrea é unha entidade sen ánimo de lucro, que traballa para ofrecer apoio ás familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A súa actividade inclúe axudas económicas directas, para cubrir necesidades derivadas da enfermidade, apoio ás familias desprazadas por ingresos hospitalarios, recursos de acompañamento e iniciativas orientadas a mellorar o benestar emocional dos menores durante os procesos asistenciais.

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a colaboración coa Fundación Andrea permitiu impulsar proxectos de humanización nas áreas e zonas comúns de Pediatría do Hospital Universitario e do Hospital Público de Verín, co obxectivo de facer máis acolledores os espazos nos que son atendidos os nenos e nenas, ademais de contribuír a reducir a ansiedade asociada aos procesos de hospitalización ou atención sanitaria.

Back to top button