Nado en Vilamartín de Valdeorras a finais do século XIX, Xaime Prada foi coetáneo de Castelao e publicou ilustracións tanto na revista Nós, como en Vida Gallega. Algúns dos seus debuxos eran expostos este domingo 22 de xuño na Portela (Vilamartín de Valdeorras) onde Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses e patrono da Fundación FDG impartía unha conferencia titulada: Xaime Prada, un valdeorrés na nómina de ilustradores da Xeración Nós, abordando a súa traxectoria que remataba co seu pasamento en Madrid en 1966.


A cita, enmarcada nas xornadas culturais sobre ‘Castelao e Valdeorras’ organizadas pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán, tiña lugar na Casa Gayoso propiedade da familia de Xosé Gayoso, fundador e primeiro presidente do IEV, ademais de amigo persoal de Florencio Delgado Gurriarán. “Gayoso foi en boa parte responsable da recuperación da obra de Florencio para a cultura galega e por iso a súa casa é o lugar idóneo para este outro redescubrimento para a comarca”, aseguraba na presentación do evento a xerente da Fundación, Débora Álvarez, quen daba as grazas aos propietarios da casa “por cedernos hoxe este espazo”.
Alí Trincado amosaba un exemplar do libro Grabados en Linoleum. Asinado por Prada, este libro contén dezaoito gravados seus acompañados de textos dos principais escritores galegos da época cos que tiña relación. Este libro foi publicado por vez primeira pola editorial Nós en 1927, e reeditado por Edicións do Castro en 1981, nunha iniciativa liderada por Xosé Gayoso e o Instituto de Estudios Valdeorreses. No limiar desa edición, a cargo do propio Gayoso, compáranse as vidas de Prada e Castelao, algo sobre o que se profundizaba na conferencia.



Dende o IEV, Julio Pérez Veiga destacaba a cesión de dúas coleccións de libros que recibía o instituto ademais de material audiovisual do mesmísimo director de cine petinés, Ignacio Vilar.
Como colofón da actividade, houbo unha visita guiada pola casa onde están expostos os gravados de Xaime Prada e un viño e aperitivo para os asistentes.




Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.