CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A voz da mocidade de Viana do Bolo escóitase no Parlamento Europeo

 

Un grupo de 15 mozos e mozas de Viana do Bolo, Brión, Bueu, Monfero e Silleda desprazábanse esta semana ata Bruxelas para trasladarlles a representantes das tres forzas políticas galegas presentes no Parlamento Europeo as demandas da mocidade do rural galego.

Eran recibidos polos eurodiputados Francisco Millán Mon, do PP; Nicolás González Casares, do PSOE; e Ana Miranda, do BNG. Puideron presentarlles as súas propostas e tiveron tempo para coñecer o hemiciclo europeo e aprender de primeira man sobre o funcionamento das institucións europeas e a influenza das directivas europeas nas políticas rexionais. A viaxe completouse coa vistita á Casa da Historia Europea, na que a mocidade puido comprender mellor as orixes de Europa e as motivacións desta unión política.

O grupo actúa en representación das e dos participantes do proxecto Red Compás, un proceso educativo e participativo que lles permitiu traballar ao longo do curso pasado sobre os Obxectivos Xuvenís Europeos (EU Youth Goals), analizando a súa realidade e deseñando campañas colectivas que executaron a nivel local o pasado mes de xuño. Como resultado, elaboraron un manifesto que inclúe propostas sbre vivenda, redistribución de riqueza e recursos, transporte público, emprego de calidade, inclusión e a lingua como patrimonio inmaterial.

Red Compás intégrase na convocatoria Erasmus Plus KA154, financiada pola UE, e nace co obxectivo de crear un espazo para a mocidade, desde onde deseñar e pensar modelos alternativos e sostibles para o futuro nas súas comunidades. A Red Compás quere ser tamén un espazo que articule o asociacionismo e o activismo entre grupos de mozos de varios territorios galegos. Máis aló das limitacións xeográficas, este é o primeiro paso para crear unha rede de cidadanía activa e comprometida, capaz de expresar as súas ideas e de crear accións de incidencia social e política.

Esta viaxe en Bruxelas representa o final dun camiño arrincado hai un ano que quere poñer en valor á relevancia da participación da mocidade do rural galego na construción do seu propio futuro.

Fotos cedidas.

Back to top button