
Camiñando volverá celebrarse o San Xoán no Barco. Na tarde do vindeiro 23 de xuño terá lugar a X Andaina Popular de San Xoán, que terá como punto de partida e emeta a praza Ramón Otero Pedrayo de Viloira. Están previstas dúas probas: unha para os nenos (de ata 6 anos) ás 20:30h. e outra popular con saída ás 21h. cun traxecto de 6 km. Así o explicaba esta mañá en rolda de prensa o alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
“Esta é unha festa xa consolidada e que a xente agradece moito. Esperamos que esta edición volva ser un éxito de participación, xa que nas anteriores sempre tivemos máis de 200 persoas inscritas”, indicaba Alonso. Este evento está organizado Concello do Barco, a través da Concellería de Deporte e Xuventude.Despois da camiñata haberá pancetada popular na praza e non faltarán tampouco agasallos e premios para os participantes. As inscricións poderán realizarse no Departamento de Deportes do Concello do Barco (edificio Multiusos, segundo andar) ou ben o mesmo día da proba (neste caso non se reserva pancetada nin inclúe sorteo de agasallos), tal e como matizaba o alcalde.
Ademais será obrigatorio pasar polo photocall instalado en Viloira, de 20 a 21h., para inscribirse e sacar unha foto.
Inscricións
Así, aqueles interesados que desexen inscribirse, terán dúas opcións de participación:
Opción 1: Con reserva de pancetada e sorteo. O prazo de inscrición é desde o 17 ao 23 de xuño. Os participantes poderán inscribirse no Departamento de Deportes (segundo andar do edificio Multiusos, de 9 a 14 horas, ou especificando nome, apelidos e data de nacemento a través dun email remitido a: deportes@concellodobarco.org). Neste caso, a recollida do dorsal poderá facerse no Departamento de Deportes ou o día da andaina, na oficina dispoñible en Viloira de 20:00 a 21:00 horas.
Opción 2: Sen reserva de pancetada e sorteo. Os participantes deberán inscribirse o propio día da andaina na oficina dispoñible en Viloira de 20:00 a 21:00 horas.
Os Premios
A X Andaina de San Xoán establece os seguintes premios en dúas categorías:
Individuais:
Premio ao Mellor disfrace de San Xoán, cuxo agasallo se compón de material deportivo. Nesta categoría ademais, haberá agasallos para todos os participantes cativos.
Colectivos:
Nesta categoría establécense catro grandes premios:
- – Gran cesta de produtos tradicionais.
- – Asociación con maior participación de socios.
- – Empresa con maior participación de empregados.
- – Club deportivo con maior participación de deportistas.
- – Mellor disfrace colectivo de San Xoán.
Fotos: A.R.

