DeportesÚltima hora

A XI Motoxeada atrae a motoristas de toda Europa nas súas primeiras horas de inscrición

Celebrarase do 11 ao 13 de decembro en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

Anterior edición da Motoxeada./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A esperada concentración invernal quenta motores. Na súa XI edición, Motoxeada eríxese na emblemática localidade de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras, consolidándose un ano máis como epicentro do mototurismo de inverno. “A confirmación de que a cita se mantén neste espectacular escenario xa revolucionou o panorama internacional das viaxes en moto”, aseguran dende a organización, destacando que “o impacto da convocatoria foi inmediato e xa nas primeiras horas desde a apertura de inscricións para esta undécima edición, rexistráronse un aluvión de solicitudes, destacando unha notable presenza internacional con motoristas confirmados desde Francia, Alemaña e Bélxica”.

O gran reclamo desta cita segue sendo a excepcional contorna de Casaio e o concello de Carballeda. De feito, tras máis de dez anos de celebración de Motoxeada, “o impacto na zona é innegable: a espectacular estrada OU-122 púxose de moda. Hoxe en día é habitual ver un incesante paso de motos con matrículas inglesas percorrendo o seu trazado, atraídas pola maxestosidade dunhas paisaxes virxes e uns roteiros de condución pura”, din orgullosos.

 

 

O atractivo destas vías transcendeu mesmo o mundo das dúas rodas. “Recentemente, a mesma estrada foi o escenario dunha proba que congregou a espectaculares vehículos deportivos, deixándose ver modelos de Ferrari e Porsche pola zona”, lembran dende Motoxeada, engadindo como anécdota que demostra o forte vínculo que xera o evento, que “esta proba foi organizada por un mozo catalán que, ano tras ano, non falla á súa cita con Motoxeada acompañado da súa nai”.

“O eco deste encontro traspasou fronteiras, afianzando á cita galega como un referente indiscutible no calendario europeo. Como xa se comenta entre os motoristas máis veteranos, “nas fogueiras das invernais europeas fálase de Motoxeada”. A promesa de camaradería, o desafío do frío e a beleza da contorna fan desta edición un reto imprescindible.

A organización traballa intensamente nos preparativos para garantir que esta XI edición, que se celebrará do 11 ao 13 de decembro en Casaio, cumpra con todas as expectativas de aventura e convivencia que caracterizan ao evento.

Back to top button