ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViana do BoloVídeosVilariño de Conso

A XI ViBoMask reunirá a medio cento de mascaradas da península en Viana e Vilariño o 21 e o 22 de marzo

Este festival internacional presentaba esta mañá en Ourense o seu programa e a listaxe de tradicións participantes nesta edición

 

O Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso vén de facer público programa da súa 11ª edicion, así como a listaxe de festas de inverno e Entroido cuxos rituais e máscaras poderán verse na celebración deste evento, que terá lugar do 20 ao 22 de marzo en ambas localidades.

Esta mañá tiña lugar o acto de presentación no Centro Cultural Marcos Valcarce en Ourense, e nel participaban o deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; os alcaldes de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, e de Vilariño de Conso, Melisa Macía;  o presidente da Asociación Robreda e coordinador do evento, Jorge Domínguez “Minas”, así como o responsable de Turismo de Galicia en Ourense, Cecilio Santalices.

 

 

Ademais, nas diferentes intervencións do acto desgranábanse as singularidades deste evento, o esforzo que hai detrás del e tamén se agradecía a colaboración que fai posible, unha edición, poder sacalo adiante dende dous pequenos concellos da montaña ourensá. En concreto, Jorge Domínguez, que debullaba os diferentes actos previstos, expresaba o seu agradecemento aos apoios e o labor do equipo humano que traballa para poder organizar este encontro; mentres que o deputado Rosendo Fernández aludía ao que significaba para Viana e Vilariño a ViBoMask, “un rural que denota as tradicións e as raíces”. E expresaba o seu desexo de que, unha edición máis, “sexa un éxito”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde de Viana apuntaba que este evento xa “está consolidado, o que se manifesta é unha forma de que o rural estea permanentemente interrelacionado”. Tamén incidía na relevancia internacional desta concentración de mascaradas, tanto desde o punto de vista cultural como económico “xa que falamos dunhas mil persoas participando no desfile”, máis “unhas 5.000 persoas que nos visitan” e “estamos convencidos de que isto vai ir a máis”. Tamén agradecía o labor da Asociación Robreda, que “foi quen iniciou todo isto” e tamén o apoio institucional para desenvolver este evento.

 

 

 

 

Ademais, a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, sinalaba que o ViBoMask foi unha aposta “decidida dende as institucións dende o primeiro momento” e das asociacións que o desenvolven e tamén recoñecía que son moitas as persoas que colaboran neste festival. “O máis prezado disto é que é unha unión de máscaras e de grupos que confraternizan e que se sinten como na súa casa. E pon en valor máscaras de inverno que igual estarían perdidas se non fose por este proxecto”. Finalmente, a rexedora convidaba a asistir a este evento tanto en Viana como en Vilariño de Conso. Tamén reivindicaba a necesidade de mellorar as infraestruturas de comunicación para poder achegarse ata estas dúas localidades.

 

 

Finamente, Cecilio Santalices felicitaba aos promotores da ViBoMask e aos seus participantes. “Dende o punto de vista turístico para nós é unha aposta clara e imos seguir apoiando esta mascarada que está consolidada, este é un motor económico, con tradición, con cultura e con respecto. Crea riqueza e desestacionaliza e supón unha aposta máis pola provincia de Ourense dende Turismo de Galicia”.

 

 

Nesta edición participarán medio cento de festas de inverno da Península Ibérica, boa parte delas galegas, pero tamén chegadas doutras comunidades como Asturias, Castela e León, Estremadura, Cantabria, Castela A Mancha e tamén do nordeste de Portugal. Así haberá cinco grupo lusos: Bielha, bailador e bailadeira (Vila Chã de Braciosa, Miranda do Douro), Caretos de Arcas (Arcas, Macedo de Cavaleiros), Caretos de Parada (Parada de Infanções, Braganza), Farrangalheiros (Castro Laboreiro, Melgaço) e os Caretos de Lazarim (Lazarim, Lamego).

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

PROGRAMA VIBOMASK 2026

VENRES, 20 DE MARZO VIANA DO BOLO

Ao longo da mañá

Conferencias no IES Carlos Casares

11:10 Máscaras vivas, ritos, performances y arte mascarero – María Pilar Panero (Directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición – Universidad de Valladolid)

11:50 h.“Jarramplas tras la máscara”. Ritual festivo de la alta Extremadura – Mario Moreno (Antropólogo, Piornal)

12:50h. A máscara do piliqueiro: artesanía e tradición – Paco Diéguez (Artesán, Matamá)

13:30h. Presentación dos toros y guirrios – Velilla de la Reina (León)

20.00h. Foliada (rúas e bares de Viana do Bolo)

SÁBADO, 21 DE MARZO VIANA DO BOLO

A partir das 10.00. ViBoMarket – Mercado de produtos artesanais locais (rúa Ceferino Armesto e rúa das Mazairas)

11.30h. Presentación do libro “Guía ilustrada do Entroido galego” cos autores, Alba de Evan e Xabier Domínguez, e o editor, Ramón D. Veiga (Salón de Plenos do concello)

12.30h. Sesión vermú – Charanga BBB

17.00h. Desfile XI Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask

20.00h. Música na rúa (Praza Maior)

23.00h. ViBoMusic – Charanga BBB (Praza Maior)

1.00h. ViBoMusic – Os Festicultores (Praza Maior)

DOMINGO, 22 DE MARZO VILARIÑO DE CONSO

A partir das 10.00h. ViBoMarket – Mercado de produtos artesanais locais (Praza da Vila)

10.30h. Presentación do libro “Guía ilustrada do Entroido galego” cos autores, Alba de Evan e Xabier Domínguez (Praza da Vila)

11.30h. Desfile XI Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask

Back to top button