
A próxima edición da Feira do Viño de Monterrei xa ten cartel anunciador. A proposta seleccionada é a de Carmen Alberto Rodríguez que foi elixida entre un total de 44 traballos presentados ao concurso impulsado polo C.R.D.O. Monterrei.
A autora desta obra é unha artista visual que centra o seu obxectivo como creadora en realizar obras que non deixen indiferente ao espectador, que se reformule os seus valores. Ademais resalta o valor do cotiá e fai extraordinario o ordinario.
O xurado encargado de elixir o cartel gañador estivo conformado por Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador do D.O Monterrei; Alberto Fernández e Concepción Paradela, vogais da entidade; Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Conservatorio, Festexos e Turismo do Concello de Verín; María del Pilar Salgado, profesora de Artes e Oficios; e Xosé Rivada e Álex Araujo, artistas plásticos.
A XIX Feira do Viño de Monterrei celebrarase en Verín os días 7, 8 e 9 de agosto, consolidada xa como unha das grandes citas enogastronómicas de Galicia. Durante tres xornadas, visitantes chegados de distintos puntos de Galicia e Portugal terán a oportunidade de desfrutar os viños da Denominación de Orixe Monterrei cunha programación cultural complementaria que se irá desvelando nas próximas semanas.