
Este venres, 31 de outubro, o Concello de San Xoán de Río converterase nun punto de encontro para reflexionar sobre o papel das aldeas na nova economía rural. A xornada, titulada “Unha nova economía para a aldea do século XXI”, reunirá a representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) das provincias de Ourense e Lugo, así como a persoas expertas de referencia no ámbito do desenvolvemento territorial e a sustentabilidade.
A iniciativa, organizada polo Concello de San Xoán de Río, busca abrir un espazo de diálogo e colaboración sobre como reinventar a economía das aldeas a través da innovación, a posta en valor dos recursos locais e a creación de novas oportunidades para quen quere vivir e emprender no rural.
O alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, subliña que “as aldeas teñen futuro se recuperamos o seu valor económico e social, e se entendemos que o rural pode ser un espazo de innovación e vida, non só de pasado”.

Durante a tarde intervirán tres voces de referencia no ámbito do desenvolvemento rural:
Jaime Izquierdo Vallina, da Cátedra Cultural de Estudos Campesinos da Universidade de La Laguna, que abrirá a sesión coa ponencia “Claves para unha nova economía na aldea do século XXI”.
Inés Santé Riveira, directora do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, presentará a “Estratexia europea sobre aldeas intelixentes (Smart Villages)”.
José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, será o encargado de moderar a mesa redonda final, na que participarán representantes dos GDRs de Ourense e Lugo.
A xornada celebrarase no Salón de Plenos do Concello de San Xoán de Río, entre as 16:30 e as 20:00 horas, e está aberta ao público previa inscrición ata completar o aforo.
O rexedor destacou ademais que “San Xoán de Río quere ser un laboratorio vivo de ideas, onde as aldeas volvan ter un papel central na economía e na sustentabilidade. Esta xornada é un paso máis nese camiño”.
📅 Data: Venres, 31 de outubro de 2025
🕓 Hora: 16:30 – 20:00 h
📍 Lugar: Salón de Plenos do Concello de San Xoán de Río
📩 Inscrición e información: concello@concelloSanXoandeRio.com | ☎️ 988 34 60 02
